Thursday 12 de February de 2026

O PSdeG advirte no Debate do Estado do Municipio que Santiago está “paralizada e sen rumbo” tras case 1000 días de goberno de BNG e CA


Gumersindo Guinarte fixo un balance crítico da xestión do bipartito, advertindo da falta de planificación, liderado e capacidade de anticipación nun momento clave do mandato.
Os socialistas sinalan que a limpeza, o mantemento das rúas, a falta de efectivos en Policía e Bombeiros e o peche dos Centros Socioculturais son exemplos evidentes dunha xestión que non está a garantir os servizos básicos á cidadanía.
O voceiro socialista denuncia a ausencia de avances reais en vivenda e mobilidade, con promesas como a empresa municipal de vivenda ou o novo contrato de transporte público sen materializar.
Ademais, alertan da caída da licitación de obra pública e dos problemas na execución de fondos europeos, advertindo da falta dun proxecto claro de dinamización económica para Santiago.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, asegurou hoxe no Debate do Estado do Municipio que Santiago está “paralizada pola xestión, cun grave deterioramento dos servizos básicos, que nin impulsa nin marca rumbo como lle corresponde á capital de Galicia”.
Tras case 1000 días de mandato de BNG e de Compostela Aberta, Guinarte afirmou que este pleno ten “un certo recendo de balance xeral” e advertiu de que os “cambios profundos que non se vían hai un ano seguimos sen tan sequera intuílos agora”.
Cidade paralizada e sen rumbo
O voceiro socialista sinalou que “a falta de planificación, de control, de diálogo déixanos un escenario no que o goberno non goberna: limítase a tapar vías de auga derivadas da súa ausencia de liderado”, definindo un executivo sen dirección clara nin capacidade de anticipación.
Guinarte advertiu ademais de que Santiago está “ameazada pola parálise na xestión” e que existe “un proxecto sen definición no que non se albisca a meta”, insistindo en que non se percibe unha dirección política clara nin unha planificación que permita afrontar con ambición os retos da cidade.

Deterioro grave dos servizos básicos
O voceiro socialista puxo tamén o foco nos servizos esenciais, afirmando que “o goberno converteu o imposible en posible ao suscitar o consenso de toda a cidade sobre a falta de limpeza”.
No mantemento viario advertiu que “o panorama de fochancas e afundimentos severos dos pavimentos que temos agora mesmo non son produto da casualidade: é consecuencia directa da falta de planificación”.
Tamén alertou da “gravísima situación de vulnerabilidade e desprotección ante calquera incidencia” pola falta de efectivos en Policía e Bombeiros, así como do “peche da rede dos centros socioculturais. Traballadores no paro con nóminas sen cobrar e uns usuarios que non poden desfrutar duns servizos tan importantes para eles”.
Fracaso nas políticas estratéxicas: vivenda e mobilidade
En relación ás políticas estruturais, Guinarte asegurou que “se un goberno non é quen de cumprir cos mínimos esixibles na xestión diaria, dificilmente poderá impulsar políticas transformadoras e de progreso”.
O socialista denunciou a falta de resultados en vivenda, coa “declaración fallida de zona residencial tensionada” e sen avances na empresa municipal de vivenda e solo, así como o bloqueo en mobilidade co contrato de transporte público e as municipalizacións anunciadas das que “seguimos sen saber nada”.
Perda de oportunidades e retroceso económico
O voceiro socialista advertiu da caída da licitación de obra pública e dos problemas na execución de fondos europeos, asegurando que a cidade está “ameazada pola parálise na xestión” e que Santiago vive “un proxecto sen definición no que non se albisca a meta”, unha situación que, segundo indicou, evidencia a falta dun modelo claro de dinamización económica e de aproveitamento das oportunidades para a capital de Galicia.
Para finalizar, o voceiro socialista advertiu de que “BNG e CA ollan Santiago como quen contempla un trampantollo, unha ilusión óptica que funciona desde o Pazo de Raxoi pero que se derruba ao saír á rúa e tomar contacto coa realidade”.
Guinarte concluíu advertindo de que “resta un terzo da lexislatura e de non mudar as cousas, moito nos tememos que o mandato que BNG e CA querían que fose recordado cun gran titular quedará reducido a unha nota ao pé de páxina da historia recente de Santiago”, e reafirmou o compromiso do PSdeG de ofrecer unha alternativa seria, con planificación, liderado e ambición para que Santiago recupere rumbo e futuro.

Deja un comentario