A poboación ribeirense segue sufrindo o deterioro do servizo de saúde pola falta de profesionais que garantan unha atención de calidade. Actualmente segue sen cubrirse unha praza de médico de familia, falta unha matrona desde hai meses e tamén un pediatra desde hai máis dun mes. Pola súa parte, en Aguiño o servizo médico só se presta durante algunhas horas cando deberían estar traballando dous profesionais de maneira estable.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, denunciou que esta situación xa que “evidencia o abandono que sofre a sanidade pública no noso concello”, e asegurou que a formación nacionalista “seguirá ao lado da veciñanza ata conseguir todos os profesionais necesarios para garantir unha atención sanitaria digna, sen tempos de agarda excesivos porque mentres están deteriorando o servizo público, por outro lado vemos como a Xunta transfire cartos á privada, concretamente 1.600 millóns entre 2020 e 2025 que poderían ter ido para o sistema público de saúde”.
Barral tamén criticou a actitude da alcaldesa e do goberno municipal, afirmando que “nunca defendeu os dereitos da veciñanza nin apoiou as súas reivindicacións, porque prefiren defender os intereses do Partido Popular antes que as necesidades da veciñanza”.
Desde o BNG reiteran que continuarán impulsando iniciativas e reclamacións institucionais ata que a Xunta cubra todas as prazas vacantes e se restableza un servizo sanitario completo e de calidade para Ribeira e Aguiño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.