Recuperar o espazo das Carolinas e convertelo nunha zona verde pública con estacionamento gratuíto, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar a actividade económica do barrio. Esa é a proposta que hoxe presentou o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, quen a deu a coñecer acompañado polas concelleiras Antía Alberte, Veva Betanzos e polo responsable local Rafa Pazos.
Hai arredor de quince anos, nesta zona do centro urbano había un espazo infantil e prazas de aparcadoiro, mais coa construción da nova lonxa e a remodelación da fachada marítima realizada polo Concello en 2020, cun investimento duns 450.000 euros, “reducíronse carrís e elimináronse numerosas prazas de estacionamento, agravando un problema xa existente nun barrio con escaseza de garaxes”.
Na actualidade, trala concesión administrativa que permitirá que a antiga lonxa funcione como nave de redes, ábrese unha oportunidade para crearmos un espazo pensado para as persoas, xa que os redeiros pasarán a estar na antiga lonxa e se precisan facer traballos no exterior, pode empregarse o porto comercial. O portavoz nacionalista sinalou que “é o momento de pensar en como devolverlle este espazo á xente das Carolinas”.
Un espazo verde pensado para as persoas e zona de aparcadoiro
O BNG defende que este ámbito debe volver ter un uso veciñal e converterse nun lugar agradable para pasear, descansar, xuntarse ou levar ás crianzas. “Demandamos que o PP, a través de Portos de Galiza, deixe de bloquear proxectos que son positivos para á veciñanza de Ribeira e faga a reversión ao Concello dos terreos sen uso vinculado á actividade marítima, medida que facilitaría a realización de eventos sen custos ou procesos burocráticos longos como acontece hoxe en día” argumentou Pérez Barral. No caso concreto das Carolinas proponse que o espazo se destine á creación dunha zona verde pública e dunha área de estacionamento gratuíto, algo que permitiría “reverdecer o barrio, crear un lugar de encontro e paliar a falta de prazas para residentes e clientes dos negocios da contorna”.
Pérez Barral subliñou que o proxecto debe deseñarse con criterios de sustentabilidade ambiental, integración paisaxística e accesibilidade: “Queremos un modelo de vila pensado para as persoas, no que o espazo público sexa unha prioridade e contribúa ao benestar colectivo e facilite a actividade comercial”.
Pérez Barral concluíu asegurando que “imos seguir traballando como sempre fixemos: escoitando á veciñanza e presentando propostas en positivo que melloren Ribeira e a vida diaria das persoas. Ese é o noso compromiso e a nosa maneira de construír un concello coas persoas no centro”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.