Thursday 12 de February de 2026

O PP esixe actuacións urxentes para o deporte tras a alerta da Federación de Balonmán polo pavillón de Tarrío e a falta de pagamento de subvencións municipais


• A federación advirte ao alcalde de que o polideportivo non está en condicións de acoller competicións autonómicas coas deficiencias actuais e que o mantemento é competencia municipal

• Balonmán Culleredo denuncia por rexistro a falta de pagamento das axudas de 2024 e 2025 e avisa de que está en perigo a continuidade do club, no que adestran máis de 300 nenos e nenas

• Izaskun García: “O urxente agora non é a confrontación, pero o Concello debe asumir a súa responsabilidade e garantir unhas instalacións que sexan seguras e os pagos aos clubs”

O Partido Popular de Culleredo esixe ao goberno municipal actuacións inmediatas #ante o abandono continuado do deporte local tras a alerta formal da Federación Galega de Balonmán sobre a grave deterioración do pavillón de Tarrío e a situación de falta de pagamento de subvencións municipais aos clubs deportivos.
A comunicación da federación, dirixida ao alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Deportes, Cristina Pardo, confirma unha situación sostida no tempo e denunciada en reiteradas ocasións polo PP. O escrito, asinado polo presidente, constata unha preocupación crecente polo estado das instalacións deportivas municipais, en particular polo pavillón de Tarrío, onde compite o Balonmán Culleredo, club de referencia en Galicia pola súa traxectoria e o seu traballo de base, subliñando que as deficiencias non son novas e que o correcto mantemento é unha competencia municipal. Ademais, advirte de que, nas condicións actuais, non se poden autorizar fases autonómicas no polideportivo, e sinala tamén que o pavillón de Almeiras –ao que tivo que trasladarse un partido a pasada fin de semana polas pingueiras en Tarrío– tampouco cumpre a capacidade mínima esixida para ese nivel competitivo.
A esta alerta por parte da Federación de Balonmán súmase a reclamación rexistrada por Balonmán Culleredo, que volve denunciar a inactividade administrativa do Concello por non abonarlles as subvencións de 2024 e 2025, a pesar de ser solicitadas en tempo e forma e a que existía o compromiso político do alcalde de pagalas antes de finalizar 2025. O club alerta tamén no seu escrito dun escenario económico crítico, con risco real para a súa viabilidade e para que preto de 300 nenos e nenas de Culleredo poidan seguir practicando deporte con normalidade.
Pola súa banda, o PP lembra que esta situación non é nova nin puntual, senón o resultado de anos de abandono e promesas incumpridas: nas instalacións deportivas municipais arrástranse desde hai tempo problemas de filtracións e humidades, deterioración do parqué das canchas, gretas, carencias de accesibilidade, falta de conserxes, vestiarios en mal estado e limpeza insuficiente, ademais de incidencias que afectan á seguridade e ao desenvolvemento ordinario de adestramentos e partidos. Os populares destacan, ademais, que hai apenas unhas semanas o propio Balonmán Culleredo tivo que adiantar do seu peto o custo do gasoil para a caldeira do pavillón de Almeiras tras dúas semanas sen ter auga quente e tras avisar ao Concello.
O PP insiste en que xa en 2023 o pleno aprobou a súa moción para un plan integral de mantemento de instalacións deportivas, e denuncia que, máis de dous anos despois, ese acordo segue sen executarse. “Non se pode seguir gobernando a base de acordos que non se cumpren e escusas mentres os clubs sosteñen sós o deporte en Culleredo”, sinala a portavoz popular, Izaskun García, quen reclama medidas para resolver de inmediato tanto o estado dos pavillóns como o pago das axudas comprometidas: “O urxente agora non é a confrontación, pero o Concello debe garantir que as instalacións sexan seguras e os pagos aos clubs.” O PP engade que a concelleira de Deportes debe asumir xa as súas responsabilidades #ante unha situación que considera “insostible” para clubs, familias e deportistas.

Deja un comentario