Wednesday 11 de February de 2026

O concelleiro Iago Lestegás afirma que o labor do Concello “está a dar froitos” para garantir o dereito á vivenda e pide maior proactividade á Xunta no control dos pisos turísticos


O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, compareceu este mércores en rolda de prensa para facer balance do labor de inspección e control que vén realizando o Concello de Santiago de acordo co seu Plan de inspección urbanística e pediu maior proactividade á Xunta no controld os pisos turísticosl. Iago Lestegás destacou que o labor do Concello “está a dar froitos” para garantir o dereito á vivenda: 123 resolucións no marco de procedementos de declaración de ineficacia de comunicacións previas ou 40 ordes de cesamento definitivo da actividade de alugueiro turístico son algúns dos datos que arroxa a actuación do Concello en 2025 e dos que deu conta en rolda de prensa. “O Concello de Santiago, “co seu traballo constante e a súa perseveranza, conseguiu que desaparecesen do REAT moitos pisos turísticos ilegais nos dous últimos anos”, enfatizou Lestegás.

O concelleiro Iago Lestegás afirma que o Plande inspección urbanística “está a dar froitos” para reducir as vivendas turísticas sen título habilitante do Concello e pide maior proactividade da Xunta
O concelleiro de Urbanismo e Vivenda lembrou que o 18 de novembro de 2024 a Xunta de Goberno Local aprobou unha modificación do Plan de inspección urbanística que incorporou, entre as infraccións cualificadas como Grao 1 de máxima prioridade de actuación, os usos ilegais do parque residencial que afecten o dereito á vivenda, incluído o alugueiro turístico de inmobles sen título habilitante municipal ou sen axustarse a el.

Entrando en detalle, e relativo á sección de Licenzas de Apertura, Lestegás indicou que se dictaron 123 resolucións no marco de procedementos de declaración de ineficacia de comunicacións previas, advertindo da imposibilidade de exercer a actividade e notificándollo á Axencia de Turismo de Galicia. Polo menos 25 deses 123 pisos turísticos que non cumpren a normativa seguen inscritos no REAT. Neste sentido, engadiu que hai outros catro que teñen enderezos moi similares pero non exactamente iguais e non se pode verificar que sexan os mesmos. E no que vai de ano, declaráronse e notificáronselle á Xunta outras 10 ineficacias de comunicacións previas e neste momento hai 11 procedementos iniciados e en tramitación.

En canto a actuacións de reposición da legalidade urbanística en 2025, dictáronse 40 ordes de cesamento definitivo da actividade de alugueiro turístico no marco deste tipo de procedemento de Disciplina, poñéndoo tamén en coñecemento da Axencia de Turismo de Galicia. Deses 40, tres seguen inscritos no REAT. Ademais, neste momento hai tres procedementos de reposición da legalidade iniciados e en tramitación, todos eles con medida cautelar de suspensión da actividade.

O terceiro tipo de procedemento é o de expedientes sancionadores, que ten que ver coa sección de Inspección e Disciplina Urbanística, e tamén arroxa froitos no labor realizado. Incoáronse catro expedientes sancionadores polo exercicio ilegal da actividade de alugueiro turístico: dous están xa resoltos, un coa imposición dunha sanción de 30.050,61€ e outro coa imposición dunha sanción de 18.030,37€. Sobre esta última, o concelleiro explicou que a sanción é menor porque se lle aplicou unha redución do 40%, dado que o interesado recoñeceu voluntariamente a responsabilidade da infracción, comunicou que procedería ao pago voluntario da sanción e renunciou á presentación de alegacións e calquera acción ou recurso en vía administrativa.

“Está a dar froitos”

Iago Lestegás subliñou que “o labor de inspección e control que vén realizando e seguirá realizando o Concello de Santiago de acordo co seu Plan de inspección urbanística está a dar froitos”. Segundo o INE, en Santiago de Compostela había 759 vivendas turísticas en agosto de 2020 (o dato máis antigo dispoñible) e 374 en novembro de 2025 (o dato máis recente), o que supón menos da metade. E é o dato máis baixo, con diferenza, de toda a serie. Se se ten en conta o dato de prazas totais, pásase de 3.425 en agosto de 2020 a 1.734 en novembro de 2025, tamén o dato máis baixo de todo o período.

Os datos do REAT evidencian tamén unha redución significativa no número de pisos turísticos: en decembro de 2023 había 807 aloxamentos inscritos na categoría “vivenda de uso turístico” no REAT e en decembro de 2025 había 668, un 17% menos nun período de 2 anos.

Petición de reunión

Na súa intervención, Iago Lestegás lamentou a falta de resposta da Xunta ás peticións de colaboración por parte do Cncello. Lembrou que o 22 de outubro de 2024 solicitou unha cita co director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, para falar do REAT, o 31 de outubro responderon que recibiran a solicitude e que contactarían en breve para fixar unha data, pero nunca o fixeron.

Xa en decembro de 2024, o Concello requeriu á Xunta iniciar o proceso previsto no artigo 44 do Decreto 12/2017, que di que o “incumprimento dos requisitos que resulten de aplicación determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade” e establece que a Dirección da Axencia Turismo de Galicia acordará a baixa do establecemento e cancelará a súa inscrición no REAT. O 30 de decembro dese ano, a Axencia de Turismo de Galicia enviou un escrito que sinala que “a inscrición no REAT non impide a necesidade de cumprir a normativa local” e recoñece que “a devandita inscrición non é constitutiva da habilitación do desenvolvemento da actividade turística”. Tamén dicía ese escrito que os procedementos de baixa e cancelación da inscrición de aloxamentos no REAT se inician cando un concello presenta “unha petición oficial xustificando a causa legal na que se ampara” ou cando existe un “pronunciamento xurisdicional individualizado”.

Para Iago Lestegás, isto non é “colaborar cos concellos”. Con todo, reivindicou que, o Concello de Santiago, “co seu traballo constante e a súa perseveranza, conseguiu que desaparecesen do REAT moitos pisos turísticos ilegais nos dous últimos anos”. Pero o papel da Xunta non pode limitarse a dar de baixa un aloxamento cando este Concello lle notifica que carece de título habilitante municipa e insitiu en que a Axencia de Turismo debería comprobar se un establecemento cumpre os requisitos antes de inscribilo no REAT. “Nós pedímoslle á Xunta máis proactividade no control dos pisos turísticos”, incidiu.

Usos asimilados

Por outro lado, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda lembrou que 4 de novembro de 2024 se aprobou definitivamente a ordenanza que regula a comunicación ao Concello dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda, que se publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 5 de decembro de 2024.

Presentáronse dous recursos no contencioso-administrativo. Un deles xa ten sentenza do 28 de xaneiro de 2026. O TSXG desestimou o recurso porque non se aprecia contravención do PXOM, non se invade o ámbito competencial da Administración autonómica nin se entra en contradición coa lexislación autonómica de turismo, e tampouco se establece ningunha regulación en materia de propiedade horizontal que poida considerarse que invada a competencia regulatoria do Estado, porque só esixe que se acredite documentalmente que a normativa da comunidade de propietarios permite o alugueiro turístico.

En canto ás peticións, explicou que, ata agora, presentáronse 32 solicitudes ao abeiro desta ordenanza: cinco teñen informe técnico favorable e poden exercer a actividade nos períodos solicitados ata un máximo de 60 días. Están incorporados na listaxe dispoñible na páxina de Transparencia na web municipal, tal e como nos comprometimos no seu día. Outros 19 teñen requirimento de achega de documentación e, para outros oito, estase tramitando a declaración de ineficacia das comunicacións previas por incumprimento da normativa urbanística ou técnica.

Deja un comentario