A concelleira socialista Marta Abal alerta da falta de mantemento e das deficiencias que afectan á seguridade e á dignidade das persoas usuarias dunha instalación clave para o deporte base en Santiago.
Os socialistas anuncian que levaron a reforma integral á negociación dos orzamentos municipais e advirten de que non aceptarán solucións parciais nin actuacións sen planificación, recursos suficientes e calendario definido.
A concelleira socialista Marta Abal advertiu do “deterioro absolutamente inaceptable” que presenta o campo de fútbol de Conxo e anunciou que as e os socialistas levaron a súa reforma integral á negociación dos orzamentos municipais.
“O campo de fútbol de Conxo non pode seguir neste estado. Estamos falando dunha instalación municipal que cada semana utilizan centos de nenos e nenas, familias e equipos da nosa cidade. Un espazo clave para o deporte base en Santiago que hoxe presenta un deterioro absolutamente inaceptable”, sinalou.
Segundo explicou, as deficiencias non son puntuais nin recentes. “Hai falta de mantemento e problemas que afectan á seguridade e á dignidade das persoas usuarias. E isto non é algo novo”, afirmou, incidindo en que a situación é coñecida desde hai tempo sen que, ao seu xuízo, o goberno local adoptase medidas de fondo.
Abal rexeitou que a solución pase por actuacións parciais ou intervencións limitadas e advertiu de que a inacción tamén implica responsabilidade política. “O estado do campo de Conxo non se arranxa con solucións a medias nin mirando para outro lado. Porque non facer nada tamén é unha decisión política”, indicou.
Para a concelleira, a resposta debe ser estrutural e planificada. “O que fai falta é unha reforma integral, seria e planificada”, subliñou. Nese marco, recalcou que “a reforma do campo de fútbol de Conxo non é unha proposta máis”, senón “unha condición que as e os socialistas levamos á negociación dos orzamentos”, deixando claro que “non imos aceptar solucións a medias”.
A edil reclamou así unha intervención “rigorosa, con recursos suficientes, cun calendario claro e cun orzamento acorde ás necesidades reais”, e situou o caso de Conxo dentro do que considera unha falta de resposta do executivo municipal ante necesidades básicas nos barrios.
“Santiago merece un goberno que actúe. E merece unha alcaldesa que cumpra, que non permita que o abandono se converta na norma nos nosos barrios”, concluíu, reiterando que “non facer nada tamén é decidir”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.