— Incide en que a colaboración entre a Xunta e grupos como Bioengin é fundamental para acadar os grandes obxectivos que Galicia se marca para 2030 dentro do ámbito do Plan de residuos industriais de Galicia
— Fai fincapé nos traballos deste equipo de investigación para desenvolver bioprocesos para o tratamento de augas, residuos e gases e a obtención de novos produtos.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia do I+D para avanzar na reutilización de residuos e consolidar un modelo de economía circular .
Nese senso, puxo en valor o traballo do grupo de investigación Bioengin, que hoxe visitou nas instalacións do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña. En concreto, fixo fincapé nos seus traballos para o desenvolvemento de bioprocesos para o tratamento de augas, residuos e gases e a obtención de novos produtos.
Esta capacidade para “converter os residuos en recursos” permite crear novas oportunidades de negocio sostible onde antes había un problema, o que encaixa coa pretensión da Xunta de que Galicia sexa un referente no coidado da contorna e na aposta pola economía circular a todos os niveis.
De feito, Ángeles Vázquez incidiu en que a colaboración entre a Xunta e grupos como Bioengin é fundamental para acadar os grandes obxectivos que Galicia se marca para 2030 dentro do ámbito do Plan de residuos industriais de Galicia (Priga). En concreto, son reducir un 20% a xeración de residuos industriais por unidade de PIB e diminuír nun 10% o volume de residuos perigosos e non perigosos que acaban en vertedoiro con respecto ás enviadas no ano 2019.
Nesa liña, logo de subliñar que Bioengin está recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia, a conselleira puxo como exemplo do seu labor o proxecto Bialac, que leva a cabo en colaboración con varias entidades, entre elas Emalcsa e Innolact. Neste caso, o obxectivo é desenvolver un biomaterial baseado en polímeros biodegradables a partir do soro fermentando e residuos industriais para transformalos en produtos de alto valor.
A maiores, coincidindo co Día da muller na ciencia, Ángeles Vázquez tamén fixo fincapé no feito de que o 82% do persoal sexan mulleres, entre as que se inclúe a profesora coordinadora do grupo, Carmen Veiga, catedrática de Enxeñería Química, que ten unha ampla experiencia en valorización de residuos, tratamento de augas residuais, biorremediación de ecosistemas e conversión de contaminantes en recursos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.