A primeira hora desta mañá publicouse o listado definitivo de expositores inscritos na XXI Feira da Plantación de San Sadurniño que este domingo fará as dúas décadas de existencia promovendo o potencial agrícola da comarca. En total apuntáronse 40 postos, aos que cómpre engadirlle o espazo reservado polo Concello e o da rapazada do colexio público que anda recadando fondos para financiar a súa próxima produción musical dentro do proxecto LÓVA (La Ópera como Vehículo de Aprendizaje). Todo está practicamente listo. Só falta que o tempo acompañe, aínda que tampouco semella que vaia ser un factor determinante. Abonda con lembrar a edición do ano pasado, cando caeron varios trebóns de respecto durante a mañá e aínda así houbo unha afluencia masiva de público. As predicións para o próximo domingo falan dalgunha chuviscada feble pola mañá que lle dará paso a unha tarde soleada. Con todo, que ninguén rabee, xa que a maior parte do evento estará gorecida por unha carpa de 2.000 metros cadrados.
Debaixo dela só haberá expositores de flor e planta, mentres que o resto de expositores -artesanía e alimentación- se disporán na rúa paralela ao colexio público e no prado que hai ao seu carón. Na feira atoparemos reunidos de novo a viveiros de planta e árbores, florerías, produtores e produtoras de horta, ademais de postos de alimentación e de artesanía relacionada dalgún xeito co mundo vexetal. Un dos obxectivos do encontro é servir de escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro e unha maneira de poñer en valor as posibilidades de futuro do medio rural como sinónimo de calidade de vida e de oportunidades económicas a través da sustentabilidade.
O evento iniciarase sobre as 10 da mañá e estará aberto ata a tardiña. Nel haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra, aínda que grande parte do protagonismo levarano as flores e plantas. Inscribíronse un total de 40 postos, 8 deles son viveiros -planta, árbores, etc.- ou florerías, 22 céntranse na venda de alimentación, e 10 no apartado de artesanía. A maiores hai outros dous, un dos alumnos e alumnas que venderán artigos cos que axudar economicamente na produción da ópera que estrearán a primeiros de xuño e outro instalado polo Concello para dar a coñecer a recollida do lixo porta por porta e outros proxectos ambientais.
Quen se achegue á feira levará unha planta de recordo completamente de balde. Durante o día celebraranse dous sorteos con varios lotes de produtos doados polos expositores, o primeiro ás 14h. e o segundo ás 19h. Os tiques para os sorteos conseguiranse con cada compra que se faga durante o evento.
Como actividade paralela os nenos e nenas de tres anos en diante gozarán do obradoiro de decoración de macetas biodegradables, no que se xuntan as manualidades co cultivo dunha planta que despois poderán levar para a casa. Este obradoiro desenvolverase entre as 16.30 e as 18.30h. Ofrécense 40 prazas que se irán cubrindo a medida que a cativería vaia facendo cola no expositor municipal, lugar elixido para a actividade.
Outro dos momentos aos que cumprirá prestarlle atención será a actuación da Asociación Brío, que sobre as 12.00h. mostrará na carpa principal a coreografía “Refuxiadas: xente coma nós”. Un alegato contra o drama que sofren milleiros de persoas na súa fuxida das guerras e da represión.
A XXI Feira da Plantación brinda a posibilidade de xantar no propio recinto. Porén, San Sadurniño ten varios restaurantes -algúns deles moi próximos- onde poder sentar á mesa por bo prezo. Desde o Concello aconséllase reservar previamente debido a que nos días en que hai feiras ou mercados os restaurantes do territorio adoitan ter unha alta ocupación.