O Concello de Carballo vén de ser recoñecido na quinta edición dos Premios de Calidade da Rede Española de Cidades Saudables (RECS), na categoría de fomento dun desenvolvemento urbano saudable e sostible, polo proxecto Cicl-Ando Carballo, unha iniciativa clave na transformación da mobilidade local cara a modelos máis activos, seguros e respectuosos co medio.
Carballo foi o único concello nomeado da provincia e un dos dous de Galicia, xunto con Lugo, na categoría de 20.001 a 100.000 habitantes, o que reforza o papel do municipio como referencia estatal en políticas urbanas centradas na saúde e nas persoas.
O alcalde, Daniel Pérez, sinalou que “este nomeamento supón un recoñecemento ao traballo continuado que vimos facendo para construír unha vila máis humana. Apostar pola mobilidade sostible é apostar por saúde, por igualdade no uso do espazo público e por futuro”.
Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, destacou que “Cicl-Ando Carballo demostra que as políticas públicas teñen impacto real cando se planifican con visión a longo prazo. Hoxe temos máis infraestruturas, pero, sobre todo temos, máis xente camiñando e máis xente usando a bici”.
Un cambio profundo na forma de moverse
O proxecto partía dunha realidade clara: o núcleo urbano presentaba unha estrutura viaria complexa, con tráfico intenso e apenas 4-5 quilómetros de itinerarios específicos para peóns e ciclistas. En coherencia co Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, o Concello puxo en marcha unha estratexia ambiciosa co obxectivo de favorecer un cambio modal significativo, reducindo o uso do coche privado e impulsando os desprazamentos a pé e en bicicleta.
Cicl-Ando Carballo desenvolveuse arredor de dous eixes:
• Infraestruturas: execución de máis de 19 quilómetros de sendas ciclo-peonís no ámbito urbano e na conexión co polígono industrial de Bértoa e coa praia de Razo.
• Concienciación: campañas de información, sensibilización e promoción dirixidas á cidadanía para facilitar a adopción de hábitos de mobilidade máis sostibles.
Na actualidade, Carballo dispón de arredor de 25 quilómetros de sendas, cun aumento destacado das camiñadas e do uso da bicicleta. A redución de emisións, a recuperación do espazo público e a mellora da saúde da poboación son algunhas das consecuencias directas dun proxecto que tamén destacou pola ampla participación veciñal e pola implicación do tecido asociativo.
A presenza de Carballo entre as candidaturas destacadas da RECS confirma o avance decidido cara a unha cidade pensada para as persoas, que promove a actividade física diaria e un entorno urbano máis amable, accesible e inclusivo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.