Wednesday 11 de February de 2026

A alcaldesa de Ribeira solicita ó Subdelegado do Goberno reforzo policial para as celebracións do Entroido


• Sampedro realiza a petición desta medida inmediata como antesala da Xunta Local de Seguridade do día 19

• O municipio prevé gran afluencia nas rúas con motivo das celebracións carnavalescas, especialmente en horario nocturno

• A rexedora manterá mañá unha xuntanza co sindicatos SUP para coñecer de primeira man a situación do cadro de persoal da Policía Nacional

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, remitiu no día de onte unha solicitude ao Subdelegado do Goberno, Julio Abalde, na que expresaba a necesidade de que os efectivos policiais se visen incrementados durante as celebracións nocturnas do entroido.
“Nunhas datas festivas nas que o aumento de persoas na rúa incrementarase notablemente, sumado á problemática actual coa sensación de inseguridade na cidadanía, lévanos a ter que solicitar de eito inmediato xa un reforzo no dispositivo para as datas fortes do Entroido. É unha cuestión de prevención ante os feitos que se veñen sucedendo nas últimas datas e agardo a colaboración da Subdelegación do Goberno”, apuntou Sampedro.

Esta solicitude refírese a contar cunha segunda patrulla ou dispositivos preventivos de vixilancia e controis específicos nas noites dos sábado 14 e o luns 16 de febreiro, coincidindo cos días de maior afluencia nocturna. Unha demanda que, asegura Sampedro, será exixida de xeito ordinario e atendendo a criterios obxectivos na vindeira Xunta de Seguridade Local, “non imos escatimar esforzos en solicitar máis medios alí onde faga falta”.

Para realizar unha proposta que conte con todo eses datos, Sampedro reunirase mañá co SUP -Sindicato Unificado de Policía- no que se interesará pola situación actual do cadro de persoal e as necesidades de todo os axentes que se atopan traballando de xeito activo. A alcaldesa tamén se interesou polo estado de saúde dos catro policías que causaron baixa na persecución que se levou a cabo na parroquia de Artes.

Por último, Sampedro trasladou tamén as instrucións dadas no mesmo sentido ao Xefe da Policía Local, que ven incrementando os efectivos desde a pasada fin de semana, a quen trasladou a necesidade de coordinar exhaustivamente o traballo co CNP.

Deja un comentario