O Concello recoñecerá a achega feminista de dez mulleres vinculadas a Compostela con motivo do 8M
O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago vén de aprobar a lista de candidatas escollidas polo conxunto da Corporación municipal para recibir o premio ‘Mulleres de Compostela 2026’, co que o Concello de Santiago recoñece a traxectoria persoal e profesional de mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.
As dez mulleres premiadas corresponden con oito candidaturas, unha delas colectiva. Serán recoñecidas coa distinción “Mulleres de Compostela” nunha gala que terá lugar o vindeiro 9 de marzo no Teatro Principal.
A Corporación municipal recoñece este ano o valor de ‘As Fillas Bravas de Momán’ (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.
As premiadas
As Fillas Bravas de Momán representan unha estirpe de mulleres que manteñen viva a memoria das súas nais e avoas, mulleres que traballaron a terra e que atoparon na copla e na pandeireta un espazo de liberdade e denuncia. Dende a retranca como forma de resistencia, o proxecto encarnado por Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar utiliza a música tradicional para tratar temas que historicamente foron tabú para as mulleres maiores no rural, como a sexualidade, a independencia económica e o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, nunha visión feminista desde a raíz.
Clotilde Rodríguez Martul foi a primeira foniatra da sanidade pública galega. Desenvolveu o seu labor profesional en Santiago, destacando pola súa defensa da saúde vocal e o ensino do uso correcto da voz entre os profesionais. Pioneira da sanidade, é tamén un referente político, pois marcou o fito histórico de ser a primeira muller en exercer como alcaldesa de Compostela (aínda que fose de xeito accidental/interino) e concelleira en diversas corporacións. Destaca tamén o seu vínculo coa emigración, xa que naceu en Bos Aires nunha familia emigrada, e o seu impulso ás políticas de igualdade: tivo un papel determinante na creación da Concellería da Muller de Santiago en 1991.
Merche Espiño divulgou a “Compostela Rosaliana” no seu libro ‘Espazos de Rosalía en Compostela’ nun acto de xustiza histórica que reivindica Santiago como o fogar vital da escritora máis importante de Galicia. Destaca o seu compromiso histórico coa lingua, sendo colaboradora da Mesa pola Normalización Lingüística desde a súa fundación (1986), foi a súa tesoureira e no 1992 pasou a tomar parte da Comisión de Garantías da Mesa. Foi tamén investigadora da onomástica galega e unha das voces destacadas na cultura local.
María Loureiro é unha das economistas galegas máis influentes. Catedrática de Fundamentos de Análise Económica na USC, é a directora científica do Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS), que integra as tres universidades galegas. Un dos seus méritos máis tanxibles é o seu papel no xuízo do ‘Prestige’, encargada de realizar a pericial económica que valorou os danos ambientais. O Concello valora o seu compromiso co desenvolvemento sustentable. A súa investigación céntrase en temas vitais para Galicia como a economía ambiental e os recursos naturais, a análise socioeconómica dos incendios forestais e estudos sobre enerxía e economía agrícola. É académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) dende 2022 e recibiu os premios María Josefa Wonenburger e SERenidade.
Luísa Ríos está considerada coma unha gardiá do comercio tradicional e de proximidade. Dona dunha mercería no barrio de San Pedro, sitúase coma unha das figuras máis queridas e recoñecibles da entrada do Camiño Francés en Compostela e unha cronista viva da evolución da rúa e do barrio nas últimas décadas. Muller emprendedora e traballadora, representa a xeración de mulleres que co seu esforzo diario detrás dun mostrador sostiveron a economía local e a vida social da cidade. A súa tenda é moito máis que un negocio; é un punto de encontro veciñal e un referente no histórico barrio de San Pedro. O seu recoñecemento rende homenaxe a todas as mulleres autónomas que foron e son o motor dos barrios de Compostela.
Diana Parente é dende xaneiro a única muller inspectora principal de Policía Local de toda Galicia. A súa carreira está marcada por ser a primeira en moitos ámbitos: en 2013 foi a primeira muller en acadar o rango de oficial na Policía Local de Santiago e en 2019, a primeira inspectora. Rompendo teitos de cristal, a súa traxectoria é un exemplo de promoción interna baseada no mérito, o esforzo e a formación constante. Defende un modelo policial baseado na prevención e na colaboración directa coa cidadanía. A súa figura xa foi posta en valor pola propia alcaldesa, quen destacou que este fito é o resultado de anos de traballo pola igualdade dentro do corpo policial.
Isabel Castillo destaca pola súa capacidade de exercer unha avogacía con conciencia social. Prémiase o seu papel na defensa dos dereitos civís fronte os abusos, especialmente a súa intervención en casos que afectaron a veciñanza de Santiago, como o asesoramento a afectados por cláusulas abusivas ou estafas bancarias, dende a empatía e a ética. Recoñécese tamén o seu compromiso co uso do galego no ámbito xurídico e a perspectiva de xénero e familia. É tamén unha muller moi integrada na vida social e cultural de Santiago, cunha participación activa na construción da comunidade.
Pilar Farjas sobresae polo seu liderado no eido da acción social. Como directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela lidera a resposta da cidade ante a pobreza e a exclusión, cunha visión profesionalizada da caridade. Médica de formación, foi tamén unha muller con peso institucional e pioneira na política como conselleira de Sanidade (2009-2011) e secretaria xeral de Sanidade no Goberno do Estado (2011-2014). Representa unha xeración de mulleres que abriron camiño en postos de máxima responsabilidade na Administración. Tras ocupar cargos de alto nivel, regresou a Santiago para traballar a pé de rúa e encarna o valor do voluntariado e do servizo público, sendo unha voz de referencia na denuncia de problemas actuais de Compostela e impulsando campañas que fan de Santiago unha cidade máis empática e solidaria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.