O voceiro socialista Gumersindo Guinarte avanzou que o seu grupo centrará o debate na análise da acción do goberno local ao longo do mandato, marcado, ao seu xuízo, pola parálise na xestión municipal e pola incapacidade do goberno local para converter anuncios en políticas efectivas.
Os socialistas poñerán sobre a mesa o deterioro dos servizos públicos esenciais, a ausencia dunha política municipal de vivenda con resultados e a perda de fondos europeos como exemplos dunha xestión que consideran fallida.
O PSdeG considera que a falta de iniciativa e de capacidade de xestión do executivo local está a condicionar negativamente o presente e o futuro da cidade.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, avanzou que o PSdeG realizará no Debate do Estado do Municipio, que se celebrará este xoves, unha valoración “inevitablemente crítica” da acción do goberno municipal, ao considerar que a cidade leva dous anos marcados pola parálise na xestión e pola ausencia de políticas capaces de dar resposta aos principais problemas da veciñanza.
Guinarte subliñou a importancia deste debate como ferramenta de control democrático, ao tratarse dunha cita que só ten lugar unha vez ao ano e que cobra unha relevancia especial na recta final do mandato. “Non sabemos se será o último Debate do Estado do Concello deste mandato ou se haberá outro xa en ano electoral, pero en calquera caso é unha oportunidade clave para contrastar a acción do goberno coas promesas electorais e co seu programa”, sinalou.
O portavoz socialista explicou que a análise do grupo estará baseada en feitos e datos obxectivos, e non en valoracións retóricas, “a este goberno fáltanlle políticas que lideren realmente a solución dos problemas da cidade; máis ben ao contrario, estamos ante un goberno instalado nunha parálise da xestión que só reacciona cando a auga lle chega ao pescozo”, afirmou, recorrendo a un símil que, ao seu xuízo, reflicte ben a situación actual do executivo local.
Entre os ámbitos que exemplifican esa falta de impulso, Guinarte referiuse aos servizos públicos esenciais. No caso da limpeza e da recollida do lixo, falou dunha percepción cidadá clara de “mal funcionamento”, mentres que en materia de seguridade lembrou a situación “sen precedentes” vivida durante meses no servizo de bombeiros. A estas carencias sumou a actual falta de mantemento viario, visible en distintos puntos da cidade advertindo de que “todos os que circulamos polas rúas de Compostela sufrimos esta situación, especialmente en barrios como Fontiñas, onde o deterioro é alarmante e non se recordaba algo semellante”.
No eido da vivenda, o voceiro socialista puxo en dúbida que os principais anuncios do goberno da señora Sanmartín poidan atribuírse a unha acción directa do Concello. Segundo explicou, o único avance salientable foi o desbloqueo do ámbito do Peleteiro, “pero grazas á actuación do Goberno do Estado”, que decidiu incorporar ese solar á sociedade pública de vivenda para posibilitar a construción de vivenda protexida nun espazo céntrico da cidade. “Aí practicamente remata o que o goberno municipal pode presentar como balance neste ámbito”, afirmou.
Guinarte sinalou que, mentres tanto, non se produciron avances nin na posta a disposición de inmobles ou solares para a súa rehabilitación nin na xestión da zona residencial tensionada, e lembrou que segue pendente o compromiso inicial de recuperar Emuvisa, “un instrumento esencial para a promoción de vivenda pública”, sen que exista aínda “ningún prazo nin concreción” cando o mandato entra xa no seu último ano.
Guinarte foi especialmente crítico coa xestión dos fondos europeos herdados do anterior goberno socialista. “A perda de fondos é millonaria, con cifras alarmantes, unha cidade como Santiago cun orzamento moi limitado para investimentos, non se pode permitir ese luxo”, advertiu. Ao seu xuízo, renunciar a recursos xa concedidos supón perder actuacións necesarias para a cidade e comprometer o seu desenvolvemento futuro.
O voceiro socialista defendeu unha posición crítica e construtiva, pero deixou claro que a falta de iniciativa non pode ser substituída polo labor da oposición. “Quen goberna é a alcaldesa e o seu equipo, e son eles os que teñen a responsabilidade de propoñer, executar e dar resultados”, advertiu.
Con todo, Guinarte mostrouse pesimista respecto ao que resta de mandato. “Moito nos tememos que o tempo que queda, menos dun terzo do mandato, siga na mesma dinámica, e que este acabe sendo un mandato perdido para Santiago”, concluíu, deixando a valoración final en mans da cidadanía, que nas eleccións de 2027 “terá que xulgar se pagou a pena esta etapa ou se é necesario volver a unha xestión contrastada e responsable da cidade”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.