Wednesday 11 de February de 2026

O Concello de Neda volve licitar as obras de substitución do conxunto das fiestras da Casa da Cultura


O Concello de Neda licita, por segunda vez, as obras de substitución das fiestras da Casa da Cultura. O proxecto, cun orzamento de 62.582 euros + IVE, inclúe a renovación da totalidade das ventás deste inmoble municipal, coa única excepción do salón de actos, que se renovaron o pasado ano. A intervención contribuirá a mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

A xunta de goberno local adoptaba a decisión ao acreditarse durante a fase de requirimento de documentación, que segue á adxudicación, un incumprimento das condicións establecidas nos pregos por parte da firma adxudicataria.

A obra que sae a contratación inclúe o cambio de carpinterías exteriores do edificio (25 ventás de distintos tamaños, e tres portas) por outras novas, realizadas en PVC, e con “acristalamento con vidros laminares e baixo emisivos”.

Polo tanto, a actuación suporá unha actualización da imaxe do inmoble (soto e tres andares), que aínda conserva moitas das fiestras orixinais, colocadas no 1960, facilitando un aforro no consumo eléctrico preciso para quentar e para arrefriar as instalacións culturais, e contribuíndo ademais a mellorar a súa acústica e reforzar a seguridade en caso de incendio, ao retirarse as rexas da biblioteca, na que se instalarán vidros laminares anti-intrusión.

As empresas interesadas en facerse cos traballo, financiados con cargo aos fondos do POS 2025 da Deputación da Coruña, deberán presentar as súas ofertas ata o 23 de febreiro. Os pregos do contrato poden consultarse no perfil de contratante do Concello de Neda.

Deja un comentario