— O informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos na contorna
— O ámbito de actuación do PIA, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para urbanizar solo destinado maioritariamente a vivenda protexida, abrangue 81.965 m2 e está na área periurbana leste da Baiuca, núcleo principal do concello
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial na Penouqueira, A Baiuca, no concello de Arteixo. O obxectivo da actuación, promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), é urbanizar solo neste ámbito para destinalo á construción dunhas 160 vivendas, maioritariamente protexidas.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado nuns días no Diario Oficial de Galicia, conclúe que non se prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos pero sinala algunha condición que se deberá atender co fin de afondar en determinados aspectos.
Cómpre lembrar que o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería por un prazo de 30 días hábiles para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.
Unha vez emitida a resolución, o informe ambiental remitirase ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público o seu contido mediante anuncio publicado no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O ámbito de actuación do PIA para o desenvolvemento residencial na Penouqueira, A Baiuca, abrangue unha superficie total de 81.965 metros cadrados. Está localizado na área periurbana leste da Baiuca, núcleo principal e sede administrativa do concello de Arteixo, que abrangue tamén terreos da ladeira occidental do Monte da Penouqueira. As previsións contidas no borrador prevén a execución dunhas 160 vivendas con reservas para dotación de equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes.
A rede viaria proposta para acceder ao ámbito está formada fundamentalmente pola ampliación e reurbanización de parte do viario existente, proxectándose a Travesía da Coruña como vía principal ás edificacións residenciais e dotacionais.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.