Baixo o suxerente título de Unha viaxe con curvas que nos pon os pelos de punta!, o profesor de Matemáticas da Universidade da Coruña Miguel Brozos falará esta semana en Fene sobre Xeometría. Fará un pequeno percorrido por interesantes curvas, dando resposta a cuestións tan dispares como: Cal é o tobogán máis rápido? Ou como se traza a curva dunha estrada ou dunha montaña rusa? Despois surfeará un pouco por superficies, analizando por que é difícil que non nos quede un remuíño ao peitear o pelo ou como podemos facer para detectar a colisión dun dron.
A conferencia, enmarcada no ciclo Contando Ciencia, será este xoves 12 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
Miguel Brozos Vázquez é matemático e centra a súa investigación no estudo da curvatura de obxectos xeométricos e as implicacións que esta ten nas súas características. É profesor da Universidade da Coruña, vinculado ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e coordinador do grupo de investigación en Xeometría Diferencial e as súas Aplicacións no Campus de Ferrol.
Trala cita deste xoves, a vindeira conferencia de Contando Ciencia será o xoves 12 de marzo con Elena González Ferreiro, catedrática de Física Teórica no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, quen falará sobre “A teoría do todo: do infinitamente pequeno ao Big Bang”



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.