Wednesday 11 de February de 2026

A Coruña será unha das paradas da xira mundial de La Reina del Flow


O concerto celebrarase o 27 de xuño no Coliseum e as entradas sairán á venda este martes 10 de febreiro

A Coruña será unha das paradas da xira mundial de La Reina del Flow. O concerto celebrarase no Coliseum o 27 de xuño e as entradas sairán á venda este martes, 10 de febreiro, a partir das 12.00 horas. “A nosa cidade continúa a sumar eventos que supoñen unha posta en valor pola programación de grandes eventos impulsada pola nosa alcaldesa, Inés Rey, así como do Coliseum, un dos mellores recintos de concertos do Estado”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O fenómeno televisivo global, producido por Caracol e difundido por Netflix a nivel mundial, terá como única parada do noroeste peninsular A Coruña. Despois do éxito cultivado en 2025 no Movistar Arena e no Recorda Fest, a serie volve a España, esta vez con Charly Flow (Carlos Torres) encabezando o insuperable cartel, ao que tamén se suma Yoni Trejos (Jay Torres). Repetirán María José Vargas, que interpreta á nova Yeimi na serie, Juan Manuel Restrepo (Charly Flow/ Pez Koi), Drama Key (Juan Palau) e Kevin Bury (Cris Vega), neste circuíto que regresa dentro dunha xira ambiciosa e ao grande.

La Reina del Flow pasou de ser unha serie de éxito a converterse nun auténtico fenómeno internacional, conectado directamente co auxe e a presenza constante da música latina en todo o mundo. O seu universo musical, que mestura distintos estilos, reflicte a forza dunha cultura que hoxe marca tendencia e conecta con públicos de todas as idades.

De cara a este 2026, a programación musical do Coliseum conta xa com 20 eventos musicais anunciados, aos que hai que sumar os eventos deportivos xa confirmados do Básquet Coruña. As citas programadas son: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Amaral (21 de febreiro), Celtas Cortos (11 de abril), Hijos de la Ruina (17 de abril), OT (19 de abril), Viva Suecia (18 de abril), Rodrigo Cuevas (30 de abril), Dani Fernández (2 de maio), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Megadeth (27 de maio), La Reina del Flow (27 de xuño), Pablo Alborán (4 de xullo), Aitana (22 de xullo), La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro), Melendi (14 de novembro) e Raphael (21 de novembro).

Deja un comentario