Wednesday 11 de February de 2026

A Xunta de Goberno oficializa a cesión gratuíta á Xunta de dúas parcelas para a construción de vivenda pública


A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a aprobación dos prazos para a matrícula na Escola Municipal de Música e das bases para as distincións Santiago Deporte.

Tal como anunciou a alcaldesa o venres, o executivo municipal deu luz verde ao expediente para a cesión gratuíta á Sociedade Vivenda Pública de Galicia S.A. (Vipugal) de dúas parcelas integrantes do patrimonio municipal do solo co fin de que esta entidade promova nelas vivenda pública. Segundo indicou a concelleira portavoz, trátase das parcelas M-4 e M-8 do Plan parcial do SUNP-22, en Castro de Abaixo, localizadas na rúa de Syra Alonso, 7.

As parcelas teñen idéntica superficie, 560 m2, e un valor, segundo a peritaxe técnica, de 581.258,94€ (exluído o IVE) cada unha delas. Míriam Louzao salientou que a edificabilidade prevista é para “un total de 36 vivendas segundo o noso ordenamento urbanístico, mais a normativa de que se dotou a Xunta permítelle facer máis vivendas nese espazo”. Corresponde agora someter esta cesión a exposición pública por un prazo de quince días hábiles a partir da pblicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e, se non se presentan alegacións, o expediente entenderíase definitivamente aprobado.

A concelleira quixo lembrar que “ademais desta colaboración, en outubro dirixímonos á Xunta para ofrecer a posibilidade de ceder outras parcelas nas que se poderían construír unhas 80 vivendas”, coa condición de que se dedicasen a vivenda pública en alugueiro, no marco dun programa conxunto de investimentos en adquisición e rehabilitación de inmobles para este destino. “Como sabedes, a Xunta rexeitou a proposta de xeito inmediato e público sen posibilidade de abrir ningún diálogo ao respecto”, indicou a edila que fixo fincapé en que “para nós, a vivenda pública debería ser en alugueiro”. Louzao recordou que esta mesma petición se cursou para estas parcelas que hoxe se ceden, “pero a Xunta non aceptou esta condición”, aínda que “se ceden igualmente tal e como se acordou esta mañá en Xunta de Goberno”.

A este respecto, Míriam Louzao destacou tamén que grazas á modificación das ordenanzas fiscais aprobadas en setembro do ano pasado, as vivendas de promoción pública que Vipugal constrúa nestas parcelas poderán beneficiarse, se así o solicitan, da bonificación do 50% do IBI durante tres anos e do 45% nos dez anos seguintes, “sempre que manteñan a titularidade pública e se destinen o alugueiro” e tamén poderán beneficiarse, igualmente se así o solicitan, da bonificación do 95% do ICIO, “a pesar do voto en contra do Partido Popular a esa modificación das ordenanzas fiscais”, puntualizou.

Prazos para a matrícula na Escola Municipal de Música

A Xunta de Goberno aprobou os prazos para a inscrición de alumnado na Escola Municipal de Música de cara ao vindeiro curso, 2026-2027. Segundo avanzou a tamén edila de Educación, o alumnado matriculado actualmente que remata este curso música e movemento e que ten que elixir instrumento terá que facelo entre o 9 e o 13 de marzo. Do 13 ao 27 de abril será o prazo para a renovación de alumnado de música e movemento (3 a 6 anos) e o novo alumnado inscribirase entre o 30 de abril e o 29 de maio.

As persoas interesadas en matricularse poderán presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral, ademais das demais formas previstas na normativa de procedemento administrativo común.

A información completa, que convén consultar tendo en conta a variada casuística do proceso, estará publicada na web do Concello, así como na da propia escola (emmsantiagodecompostela.com).

Distincións Santiago Deporte

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases das Distincións Santiago Deporte 2025, que concede o Concello para recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que, polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2024/25 ou no ano 2025, segundo a modalidade deportiva que corresponda, contribuísen ao fomento da práctica de actividade física e do deporte entre a poboación compostelá.

As distincións recoñecen doce categorías e, como indicou a portavoz, “as persoas candidatas teñen que cumprir con, cando menos, un dos tres requisitos: seren nadas en Santiago, estaren empadroadas no municipio nos últimos tres anos ou pertenceren a unha entidade deportiva compostelá”.

As bases completas estarán publicadas na web do Concello, onde constará tamén o formulario para presentar candidaturas. Míriam Louzao avanzou que poderán presentar propostas as persoas integrantes do comité avaliador e as federacións deportivas galegas, co límite para cada membro ou federación dunha única candidatura por categoría. As propostas de candidaturas poden enviarse ata o 23 de febreiro.

Forman parte do comité avaliador representes de cada un dos grupos políticos municipais, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago e cadanseu medio de comunicación con sede local en Santiago. Estará presidido pola concelleira de Deportes.

Outros asuntos

No relativo á contratación, autorizouse iniciar a recepción das obras de rehabilitación integral do Complexo Deportivo de Santa Isabel, financiadas con fondos Next Generation da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Nos puntos da Xunta de Goberno relativos a materias urbanísticas outorgóuselle licenza á rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar en Carballal (Villestro), ao cambio de cuberta, das carpinterías e a colocación dun illamento exterior noutra vivenda no Rueiro de Figueiriñas e ao parcelamento de dous predios na Corredoira da Casa Vella en San Macos.

Aprobobouse, así mesmo, o convenio entre o Concello e a Deputación da Coruña para a organización do Festival Rosalía 2026 os días 21 e 22 de febreiro. “Este festival, que vai pola oitava edición, é unha iniciativa da Deputación coa que o Concello colabora e que se desenvolve sempre no mes de nacemento da nosa poeta máis universal sumándose aos actos e actividades destinadas a poñen en valor a súa obra e a súa figura”, apuntou Louzao que lembrou que “en Santiago de Compostela naceu e está soterrada Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, e nesta cidade está tamén un famoso monumento na súa honra, no paseo da ferradura, que foi inaugurado en 1917”. Para a realización deste programa, cuxo contido xa se adiantou a semana pasada nunha presentación específica, a Deputación dedica un orzamento de 73.169,11 € e o Concello achega 12.678,09 €.

Deja un comentario