O Concello de Brión ten programadas tres actividades para conmemorar o Día do Libro, dúas dirixidas a escolares do CEIP de Pedrouzos e da Escola Infantil Municipal que terán lugar mañá venres 22 de abril e outra aberta ao público en xeral e que xirará en torno á figura de Manuel María, poeta ao que este ano se dedican as Letras Galegas. O programa dará comezo ás 10:00 hroas de mañá venres 22 de abril, cando os meniños e meniñas da gardería se desprazarán ata a biblioteca e o telecentro de Brión para participaren en actividades de animación á lectura.
Paralelamente, o grupo de teatro Os Quinquilláns representarán “O espantallo amigo” diante dos nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos, que ademais de disfrutar da obra de Xosé Neira Vilas tamén recibirán un agasallo literario. Unha actuación que é posible grazas á colaboración do Concello de Brión, do CEIP de Pedrouzos, da ANPA Andaravía e da editorial Galaxia.
Manuel María na túa voz
Finalmente, a Biblioteca Municipal de Brión acollerá este sábado 23 de abril, ás 12:00 horas, a actividade “Manuel María na túa voz”, unha iniciativa promovida pola Fundación Manuel María consistente na lectura pública da obra do poeta da Terra Chá na que poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen: ben lendo un texto, ben escoitando a quen o lea. Ademais, haberá unha fotobiografía do autor chairego, protagonista do Día das Letras Galegas 2016. “Manuel María na túa voz” é unha iniciativa promovida pola Fundación Manuel María en colaboración co Concello de Brión e a FEGAMP. A asistencia é totalmente libre e de balde.