O proxecto Cociña Mariñeira do Concello de Miño, impulsado polo GALP Ártabro Norte a través das axudas FEMPA, iniciou este luns, 9 de febreiro, o seu programa de talleres formativos dirixidos ao sector hostaleiro do municipio, que terán lugar na Casa do Pescador de Miño durante os meses de febreiro e marzo.
O inicio das actividades estivo marcado por un acto da apertura no que participaron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; o concelleiro delegado do Servizo de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Mocidade, José Manuel Pantín Morado; o presidente do GALP Ártabro Norte e patrón maior da Confraría de Pescadores de Miño, José Antonio Anido Núñez; e o secretario da Confraría de Pescadores de Miño, Miguel Estévez Campos. Durante o acto, deuse a benvida aos participantes e destacouse a relevancia desta iniciativa para a posta en valor dos produtos do mar e a gastronomía local.
Ao longo das próximas semanas desenvolveranse seis talleres formativos nos que profesionais da hostalería poderán adquirir coñecementos e ferramentas prácticas para mellorar o seu traballo diario, abordando cuestións como a optimización do servizo, as técnicas de cociña tradicional aplicadas ao peixe e marisco da zona, novas técnicas de cociña moderna, o uso creativo dos produtos locais e a cociña sostible a través de receitas de aproveitamento.
O proxecto está a ter unha excelente acollida por parte do sector hostaleiro, xa que máis dunha quincena de establecementos do municipio inscribíronse nos talleres, mostrando o interese do sector por reforzar a súa formación e apostar pola calidade, a identidade gastronómica e a sustentabilidade.
Cociña Mariñeira de Miño nace co obxectivo de poñer en valor o produto mariñeiro local, fortalecer a identidade culinaria do territorio e contribuír ao desenvolvemento económico e turístico do municipio a través da gastronomía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.