Monday 09 de February de 2026

O barrio de Durmideiras, próximo paso do plan de renovación do firme que está a desenvolver o Concello nas calzadas municipais


Actuarase sobre unha superficie de case 8.500 metros cadrados de estrada, en rúas como Juan Sebastián Elcano, na praza da Blanca Quiroga e o aparcadoiro lindeiro á praza de Santa María

O Concello avanza coa programación anual do seu plan de renovación do firme nas calzadas municipais, unha iniciativa de continuidade impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguridade en materia de circulación no conxunto da cidade.

Neste sentido, a folla de ruta do Executivo local prevé actuacións nas rúas do barrio de Durmideiras a partir de mañá, luns 9, coa renovación de case 8.500 metros cadrados de calzada en rúas como Juan Sebastián Elcano, a praza da Blanca Quiroga e o aparcadoiro lindeiro á praza de Santa María, na parte traseira do mercado municipal.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a envergadura desta intervención, “que permitirá adecuar varios dos principais espazos de paso dos vehículos polo interior do barrio”. A este respecto, a meirande parte dos traballos levaranse a cabo na rúa Juan Sebastián Elcano, en máis de 5.200 metros cadrados de calzada, coas sinais e balizas de preaviso xa repartidas ao longo das áreas de actuación nos días previos a esta fin de semana.

O investimento previsto en Durmideiras ao abeiro desta actuación é de 191.000 euros.

Tras Durmideiras, a primeira fase de Elviña

As melloras en Durmideiras supoñen, na práctica, a segunda quenda de intervencións no plan de renovación do firme nas calzadas municipais, que arrincou a semana pasada entre a rúa Posse e a rotonda da avenida do Exército coa rolda de Outeiro.

Toda vez rematen as obras en Durmideiras, a previsión é continuar coa programación na rúa Vicente Ferrer, na primeira fase de Elviña.
“É fundamental que as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento dos traballos de asfaltado. Se é así, a nosa previsión é que cada actuación se execute en aproximadamente unha semana”, explicou Noemí Díaz.

Deja un comentario