Monday 09 de February de 2026

A Feira Innovart 2026 chega con novas actividades para que o alumnado descubra a potencialidade das ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas


— A Cidade da Cultura acollerá o mércores e o xoves este encontro, onde 26 centros amosarán a 1.000 alumnos de xeito práctico o que se aprende nestas ensinanzas

— Nesta cuarta edición Increméntanse os ‘flashmobs’, as actuacións de agrupacións de gran tamaño, así como a variedade e número dos obradoiros de música

— Tamén haberá novidades nas actividades das escolas de idiomas, de arte e superiores de deseño e dos centros que imparten ensinanzas deportivas

— O programa complétase cunha xornada de formación para orientadores

A Feira InnovArt chega esta semana á súa cuarta edición con novas actividades para que o alumnado descubra a potencialidade das ensinanzas de réxime especial. A cita, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, é o evento de referencia na promoción e difusión dos centros que imparten ensinanzas de música, arte dramática, artes plásticas e deseño, conservación e restauración de bens culturais, danza, deportivas e de idiomas.
En concreto, InnovArt 2026 desenvólvese nun espazo expositivo de 4.100 m², distribuída nos andares -1 e 0 do Museo Centro Gaiás. Estará aberta o mércores 11 de febreiro (de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas) e o xoves 12 (de 10,00 a 14,00 horas).
Na feira, arredor de 1.000 alumnos e docentes de 26 centros amosarán que se aprende nestas ensinanzas, tanto a través de obradoiros e actividades como de actuacións. Entre as novidades deste ano, increméntanse os flashmobs, cun de danza, outro de percusión corporal e outro colaborativo de música e danza; así como a participación de agrupacións musicais de gran tamaño, con bandas integradas por ata 80 alumnos. Así mesmo, aumentan en número e variedade os obradoiros pedagóxicos impartidos polos conservatorios, que abranguen desde a trompa e o canto ata a dirección de orquestra.
Ampla oferta de actividades
As escolas oficiais de idiomas ofrecen, como novidade, información sobre as opcións de aprendizaxe semipresencial, ademais de obradoiros de danza chinesa. No caso das escolas de arte e deseño, por primeira vez imparten unha actividade de deseño en 3D con gafas de realidade virtual e un obradoiro para elaborar un colgante de cerámica que os visitantes poderán levar consigo. Finalmente, os centros que imparten ensinanzas deportivas inclúen na súa actividade nesta feira un obradoiro de nós de vela e un ‘chutómetro’ de balonmán (que completa o instalado en anos anteriores para fútbol).
En total ofértanse máis de 300 actividades entre obradoiros participativos, exposicións, actuacións musicais, de danza e teatro, concertos e actividades deportivas. A maiores, os docentes asesorarán ao alumnado visitante sobre os diferentes centros de toda Galicia que ofertan esta tipoloxía de ensinanzas.
O programa da feira complétase este ano, ademais, cunha xornada formativa para persoal orientador dos centros de ensinanzas de réxime xeral, co obxectivo de que poidan axudar aos seu alumnado cara ás ensinanzas de réxime especial.
Centros participantes de toda Galicia
Os centros participantes son, no ámbito das ensinanzas artísticas, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con sede en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (Pablo Picasso da Coruña, Ramón Falcón de Lugo, Antonio Faílde de Ourense e Mestre Mateo de Santiago de Compostela), a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, situada en Pontevedra, e o Conservatorio Profesional de Danza, de Lugo. Tamén participan os sete conservatorios profesionais de música (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e os dous conservatorios superiores de música, localizados na Coruña e en Vigo.

A feira tamén conta coa participación das escolas oficiais de idiomas de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Finalmente, no eido das ensinanzas deportivas participan os institutos IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e IES Río Cabe (Monforte de Lemos), así como os centros integrados de FP CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Ademais, colaboran no desenvolvemento do evento varios centros de FP. En concreto, os centros integrados de FP Imaxe e Son (A Coruña) e Audiovisual de Vigo ocúpanse da fotografía e vídeo da feira, mentres que o Instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) colabora coa organización. O catering corre a cargo do CIFP Compostela, Fraga do Eume (Pontedeume) e do CIFP Manuel Antonio (Vigo).

Deja un comentario