Monday 09 de February de 2026

Monte Alto a 100, comparsa gañadora do concurso de música e letra do Antroido coruñés


Pantaleón e Os Maracos obteñen o segundo e terceiro premio do certame

O Palacio da Ópera acolleu o primeiro dos grandes actos deste celebración

O Antroido da Coruña deu hoxe o seu pistoletazo de saída coa celebración no Palacio da Ópera do tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra, no que a vitoria final foi para a comparsa Monte Alto a 100, co segundo premio para Pantaleón e o terceiro para Os Maracos.

O humorista galego David Amor foi, un ano máis, o encargado de conducir a cerimonia, na que participaron oito comparsas. Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos e Pantaleón, ás que se sumaron Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto —estas dúas, fóra de concurso— fixeron as delicias do público, nunha nova tarde para a historia do carnaval coruñés.

PREMIOS

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o xurado e destacou “a calidade, talento e inxenio” das comparsas que tomaron parte nesta edición. “O espírito do Antroido da Coruña está en tardes como a de hoxe, na que entidades e agrupacións culturais formadas por veciñas e veciños dan vida á nosa cidade co seu sentido do humor. E este patrimonio témolo que preservar”, indicou.

Ademais da rexedora, o xurado estivo integrado por Ana Canosa, traballadora do IMCE, como secretaria, e catro vogais: Laura Seoane, directora do IMCE, Juan Miguel Romero Llopis, director da Banda Municipal de Música, Elena Umbría, directora da Escola Municipal de Música, e Lara Fernández, xornalista de El Ideal Gallego.

Como gañadora deste concurso, a comparsa Monte Alto a 100 interpretará en directo as súas dúas cancións deste certame no acto de entronización do deus Momo, que terá lugar o venres 13 de febreiro no Campo da Leña (21.00 horas).

Últimos días para inscribirse nas festas e obradoiros infantís

O Antroido coruñés vivirase tamén moi intensamente nos barrios, con celebracións pensadas para os máis pequenos nos centros cívicos, onde haberá obradoiros infantís e festas de disfraces do 13 ao 16 de febreiro. Celebraranse en San Pedro de Visma, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Feáns, Castro de Elviña, Monelos, Monte Alto, Os Rosales, Eirís, Labañou, Os Mallos, Artesáns, Pescadores, A Silva, Sagrada Familia, Novoboandanza e O Castrillón.

As persoas interesadas en asistir aínda poden inscribirse ata o vindeiro mércores 11 nas conserxerías dos propios centros cívicos. Levaranse a cabo obradoiros de confección de máscaras e caretas, así como colares e e outros accesorios vinculados ao antroido. Nas festas infantís haberá monitores/as que levarán a cabo xogos coas persoas participantes. Tanto festas como obradoiros están destinados a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade.

Deja un comentario