Monday 09 de February de 2026

Medio Rural destaca o bo facer dos produtores da denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa


A conselleira María José Gómez lembrou que o Goberno autonómico impulsará a promoción e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos no marco do paquete de medidas elaborado para defender o sector primario ante as implicacións do tratado UE-Mercosur

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe ao xantar de confraternidade organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa. Alí, destacou o bo facer destes produtores, que fan que Galicia sexa recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras pola excelente calidade das súas elaboracións. Ademais, sinalou que a produción de queixo contribúe a impulsar a transformación do leite dentro da comunidade.
Destacou que esta DOP, segundo os últimos datos dispoñibles, ten unha produción certificada anual de máis de 5,1 millóns de quilos e un valor económico estimado de 41 millóns de euros. Neste sentido, fixo referencia os outros tres queixos con distintivo de calidade que se elaboran na nosa comunidade: Cebreiro, San Simón da Costa e Queixo Tetilla.
Así, lembrou que a Consellería do Medio Rural impulsará a promoción e comercialización do queixo e demais produtos agroalimentarios galegos, no marco do paquete de medidas elaborado polo Goberno autonómico para defender o sector primario da nosa comunidade ante as implicacións do tratado UE-Mercosur.

Deja un comentario