Sunday 08 de February de 2026

O BNG lamenta a ausencia da mellora do saneamento do Río Valiñas nos proxectos presentados ao POS da Deputación


– Malia as queixas veciñais durante anos por verquidos de fecais ao río, o Goberno de José Ramón Rioboo non ten proxecto para a mellora do colector.

– A demanda cada vez maior e as novas infraestructuras que se teñen deseñado na súa contorna, fai que a situación vaia cada vez a peor.

– O río Valiñas é afluente do río Mero, polo que as súas augas (e o que non son augas) acaban con moita seguridade chegando á Ría do Burgo, recentemente saneada.

– Pérdese unha magnífica oportunidade de actuar sobre un problema de magnitude histórica.

O Pleno Municipal extraordinario, celebrado este venres, aprobou a proposta presentada polo Goberno Municipal coa abstención do BNG de Culleredo.

O Goberno Municipal presentou a súa proposta como un todo pechado desde un primeiro intre, sen dar opción a introducir novas actuacións que, a todas luces, son necesarias e urxentes. Este é o caso da mellora do colector de saneamento que transcorre paralelo ao río Valiñas. Nel se repiten desde hai anos anos episodios de verquidos de fecais ao río, e así ten sido denunciado pola veciñanza.

Nos últimos tempos estes episodios de verquidos se producen cada vez con máis frecuencia e facilmente se comprende que, cando o novo centro educativo privado se conecte a ese mesmo colector, a situación só pode empeorar.

Esta contaminación non só afecta á contorna inmediata do río Valiñas; a través do río Mero, do que o Valiñas é afluente, é moi probábel que chegue á ría do Burgo, onde nos gastamos moitos millóns recentemente no seu saneamento.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño “pérdese unha magnífica oportunidade de actuar sobre un problema dunha magnitude histórica. Deberiase ter xa un proxecto que dera resposta ás necesidades cada vez maiores do Val de Veiga. Non entendemos como se puideron aprobar novos enganches a ese colector cando xa existían queixas veciñais por verquidos ao río. O Sr. Rioboo e o seu goberno non son conscientes das responsabilidades que teñen entre mans.”

Deja un comentario