Contarlle á cámara os labores da terra que se fan en calquera casa do medio rural. Ese é o obxectivo, sen maiores pretensións, do proxecto audiovisual “Teño unha horta en San Sadurniño”. A maiores disto, a idea combina a sabedoría das persoas maiores coa axuda técnica durante a gravación doutras máis novas, de xeito que a horta é tamén un punto de intercambio interxeracional de coñecemento. O proxecto, que naceu como algo experimental, acaba de ser seleccionado para participar na competición de webseries do Carballo Interplay dentro da sección Galiza_VO.
O Carballo Interplay ganou por méritos propios o seu oco no circuíto internacional de festivais alternativos malia a súa xuventude. Os días 5, 6 e 7 de maio celebra a súa terceira edición volvendo apostar de novo polo seu trazo diferenzal: ser escaparate da creación de contidos dixitais e, nomeadamente, daqueles que xuntan audiovisual e internet. De feito, este foi o primeiro festival do Estado dedicado ás webseries, aínda que a súa finalidade vai máis aló da ficción seriada para explorar todas as posibilidades que ofrece o vídeo distribuído a través da rede.
Dunha banda o C.IP. ofrece mesas redondas e charlas temáticas arredor de ferramentas e tendencias, doutra, na sección Formacip, prográmanse cursos e obradoiros máis especializados e, por último, está a competición de web series con 9 premios distribuídos entre tres seccións: Nacional, Internacional e Galiza_VO. Nesta edición participan 36 seriais por internet e, entre eles, un made in San Sadurniño: “Teño unha horta en San Sadurniño”.
Trátase dunha webserie en toda regra, posto que son vídeos subidos a internet cunha certa regularidade, cun título común e un formato visual coincidente. As protagonistas son Lucía Pita, Consuelo Picos e Cruz Piñón, que levan desde agosto pasado realizando vídeos breves sobre o cultivo da terra -técnicas tradicionais, trucos, épocas, etc.- coa axuda da alfabetizadora dixital Carmen Suárez e de xente moito máis nova, como Ana Lamas, Antía López, Birtukan e Elvia Lamas ou Roberto Bouza.
O proxecto xa está asentado tras quince episodios publicados e agora desde a aula CeMIT e desde Fálame de San Sadurniño aspírase a ampliar a participación veciñal integrando máis realizadores e realizadoras amadoras de todas as idades. Unha aspiración que, de seguro, terá rápida resposta tralo paso desta serie audiovisual polo Carballo Interplay, onde competirá dentro da sección Galiza_VO.
“Teño unha horta en San Sadurniño” arrancou como unha experiencia no marco do programa CeMIT-Innova apoiado pola FUNDETEC.
“Trazos”, estrea da semana do Chanfaina Lab
Mentres as hortas locais preparan o seu desembarco en Carballo, en youtube acaba de estrearse a novena peza do Chanfaina Lab. Titúlase “Trazos” e é obra do realizador e director de fotografía Alberte Branco, quen acumula unha longa traxectoria profesional avalada por filmes como Vilamor, Encallados, Las altas presiones ou, máis recentemente, Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza.
Nesta ocasión Branco rodeouse doutros pesos pesados do denominado Novo Cinema Galego como foron Ángel Santos á cámara e Eloi Enciso na montaxe, ademais de Miguel Barbosa na posprodución do son e Fernando Alfonsín como colorista. O protagonismo lévano Olegario Carballo, Abel Vega, Fina Casal, Helena Beceiro, Lorena Bouza, Regina Cinza, Carlos Cobelo e Óscar Fernández, dispostos en escenarios significativos para todos eles a través dos que podemos ir descubrindo a esencia dun lugar e da súa xente.
Filmada en formato cinematográfico de 16 milímetros, a curtametraxe “explora o territorio na procura da identidade” co obxectivo de establecer “un diálogo no que agroman a terra e as emocións”, tal e como se describe en Fálame de San Sadurniño.
Alberte Branco “condúcenos na procura da autenticidade do mundo rural a través de pequenas pinceladas de imaxes e sons ao xeito impresionista”. A base de trazos cinematográficos o director fenés compón o seu discurso “coma se fose o caderno de viaxe dun antropólogo, cheo de notas e riscaduras/trazos na procura de algo que non remata por atopar”.
A utilización do soporte fílmico de 16 mm, segundo a ficha en Fálame…, “reforza a intención experimental do cineasta de amosar as texturas, mais tamén as costuras do soporte cinematográfico para conformar un fresco orixinal das xentes e o territorio de San Sadurniño”. Os oito veciños e veciñas que aparecen na película “representan a paisaxe humana dun pequeno concello rural ao norte de Galicia e unha identidade de valor universal, un crebacabezas visual e sonoro que persegue descubrir o marabilloso universo propio que temos diante dos ollos e que moitas veces non somos quén de valorar”.