Sunday 08 de February de 2026

O PSdeG alerta dunha situación “gravísima” tras máis de 15 días sen helicóptero de emerxencias en Santiago


Bouza denunciou a falta de operatividade do helicóptero de emerxencias con base en Santiago durante máis de 15 días e advertiu de que a inacción da Xunta está a poñer en risco a capacidade de resposta do sistema público ante situacións críticas.
O deputado socialista acusou ao Goberno galego de mala xestión dun servizo esencial, reclamou explicacións inmediatas á Consellería de Sanidade e ao presidente da Xunta e esixiu medidas urxentes para garantir a cobertura mentres non se resolva a actual licitación.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2026. O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, denunciou a falta de operatividade do helicóptero de emerxencias con base en Santiago de Compostela, que, segundo explicou, leva máis de quince días sen estar operativo.
Bouza cualificou a situación como “absolutamente anómala e gravísima”, advertindo de que non só afecta á seguridade cidadá, senón tamén á capacidade de resposta do sistema público de emerxencias.
O deputado socialista reclamou explicacións inmediatas tanto á Consellería de Sanidade como ao presidente da Xunta de Galicia e cuestionou a xestión dun servizo esencial. “Non podemos permitir que o noso sistema público, algo tan importante como é a sanidade pública, estea nas mans destas persoas que están a permitir que esteamos durante 15 días sen un helicóptero tan necesario”, advertiu.
“Non é unha situación que se acabe de dar de maneira illada”, indicou Bouza, que lembrou que esta mesma circunstancia xa “se reproduciu de maneira reiterada durante a anterior adxudicación como a actual dende o ano 2023”.
Neste contexto, anunciou que o PSdeG levará esta situación ao Parlamento galego e reclamará ademais de “explicacións públicas” medidas para “que se garanta de maneira inmediata a dispoñibilidade dun helicóptero de emerxencias con base operativa en Santiago de Compostela, para que se asegure así a plena cobertura do servizo mentres non se resolva a actual licitación”, sinalou.
Bouza reclamou tamén transparencia por parte da Xunta e considerou imprescindible “que se dea conta á cidadanía sobre a situación real do servizo dos helicópteros de emerxencias e tamén das medidas adoptadas para evitar novas interrupcións”, indicou.
O responsable socialista esixiu ademais unha reacción inmediata por parte do Goberno galego para garantir o cumprimento dos contratos vixentes e “que se adopten medidas urxentes para reforzar o control e a esixencia do cumprimento das obrigas contractuais por parte da empresa prestadora” do servizo de helicópteros de emerxencias.
Bouza advertiu da gravidade da situación e do que considera unha falta de resposta política por parte da Xunta indicando que non pode “mirar cara outro lado ante unha situación absolutamente dramática”, afirmou, ao tempo que asegurou que o PSdeG continuará fiscalizando a actuación da Consellería de Sanidade.
“Non nos van a calar, imos a seguir revisando todas e cada unha das cuestións que dende a Consellería de Sanidade se están a realizar en contra dos intereses da veciñanza dos nosos veciños e veciñas”, concluíu.

Deja un comentario