Friday 06 de February de 2026

Paderne presenta a súa programación de Entroido para o 2026


 Disfraces, animación e tradición danse a man en tres días de programación festiva.

O Concello de Paderne presenta a súa programación para o Entroido 2026 cunha proposta que combinará celebración popular, actividades familiares e posta en valor dunha tradición singular do municipio: o Entroido de Samede. As actividades desenvolveranse os días 16, 18 e 22 de febreiro, con actos repartidos entre Paderne e Samede.

O luns 16 de febreiro terá lugar a festa do Entroido, que dará comezo a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada no Telleiro. A xornada incluirá un concurso de disfraces con categoría infantil, xeral e de grupos, ademais de obradoiros para a rapazada, pintacaras e inchables. Ao longo da tarde haberá animación musical moi especial da man de ‘Moi’ de Paderne; tamén actuarán As Algharuxeiras; e finalizarase cunha merenda popular aberta tanto para os nenos e nenas como para todas aquelas persoas que se acheguen a pasar a tarde.

O mércores 18 de febreiro celebrarase unha xornada de exaltación do Entroido de Samede, unha iniciativa novidosa por parte do Concello que busca dar a coñecer e poñer en valor esta manifestación tradicional, a única da comarca das Mariñas. O acto desenvolverase a partir das 19:00 horas no baixo do Concello e incluirá a proxección dun vídeo e a inauguración dunha exposición fotográfica dedicada ao Entroido de Samede. Asistirán o alcalde de Paderne, Sergio Platas, a presidenta da Asociación do Entroido de Paderne, Emilia Cagiao e varios integrantes da mesma, que se encargan de manter viva esta tradición.

A programación completarase o domingo 22 de febreiro co tradicional Entroido de Samede. Ás 12:00 horas, Bonitos e Vixigueiros volverán atoparse coas súas mellores galas na contorna da Capela, dende onde sairá o desfile percorrendo a aldea ata o campo da feira. Ademais, como xa é tradición, haberá muiñeiriña infantil e a muiñeira cruzada, así como xantar popular, o Enterro do Policarpo e unha foliada libre.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, anima a toda a veciñanza a participar nas diferentes celebracións, cun claro enfoque na exaltación do Entroido de Samede, “unha das celebracións máis senlleiras da Comarca, e me atrevo a decir da provincia. Aproveito desde aquí para agradecerlle á Asociación, a Emilia e o resto de persoas que a integran, que fan que algo tan noso siga vivo décadas despois de nacer. O noso obxectivo é fomentar a convivencia e preservar as tradicións culturais que forman parte da identidade local”, asegurou.

Deja un comentario