• A alcaldesa mantivo unha xuntanza co responsable do departamento municipal para poñer en marcha reforzos que permitan unha maior presenza policial nas rúas
• Tamén abordaron a instalación de cámaras en diversos puntos da localidade que proporcionen, ademais de probas, máis tranquilidade á veciñanza
• A Xunta Local de Seguridade celebrarase o 19 de febreiro
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co responsable da Policía Local de Ribeira, José Manuel Bretal, na que ambos abordaron a posibilidade de reorganizar e reforzas as patrullas nos vindeiros días para dar resposta a unha inquedanza veciñal con respecto aos feitos que se están a suceder nas últimas datas.
“Estamos ante unha situación na que os veciños precisan de medidas que aporten confianza e tranquilidade, unha situación excepcional que se está dando nos últimos días no noso municipio. Quero expresar o meu agradecemento aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado
polo labor intenso e a valentía que están amosando ante os amigos do alleo e en defensa da veciñanza de Ribeira”, apuntou Sampedro. Nestes días, a Policía Local reforzará a súa presenza na rúa “especialmente a pé e na zona comercial” co fin de poder aportar unha maior seguridade que vén sendo solicitada non só pola veciñanza senón tamén por hostaleiros e comerciantes.
Estas medidas poderán verse incrementadas “se vemos que é necesario, non imos escatimar en esforzos”, segundo afirmou a alcaldesa que agarda que na vindeira Xunta Local de Seguridade se poidan tomar outro tipo de decisións. O retraso na convocatoria deste órgano colexiado, que terá lugar o 19 de febreiro, ten que ver coa dispoñibilidade na axenda do Subdelegado do Goberno “queremos traballar e enfrontar isto conxuntamente pero eu coma alcaldesa considero isto urxente e non podo estar agardando; mentres tanto nós imos a tomar decisións que competan ó ámbito municipal”.
Instalación de cámaras
A alcaldesa aproveitou tamén a cita para tratar o tema da instalación de cámaras en puntos estratéxicos do municipio e que poden ser unha ferramenta de gran axuda no referido á seguridade cidadá, evitando así moitos dos episodios que se poidan suceder e mesmo poderán utilizarse como unha mostra de calquera delito que se cometa nese entorno.
Esta medida, na que se traballa para poder implementar nun período curto de tempo, tamén poderá dar resposta a outro tipo de incidentes que teñan que ver con infraccións de tráfico, delitos de orde ou accidentes.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.