Renovarase a tubaxe da traída na Avenida Méndez Núñez e crearase un software para as inscricións nas actividades municipais.
A Mesa de Contratación reuniuse para proceder á apertura das plicas e a cualificar as propostas presentadas a dúas licitacións abertas para proceder á adxudicación de dous contratos.
Para o proxecto dirixido a renovar a rede de abastecemento de auga na Avenida Méndez Núñez de Caión presentáronse tres ofertas. O Concello promove esta actuación de acordo ao resultado da auditoría técnica da rede municipal realizada recentemente, na que se conclúe que as canalizacións de fibrocemento son as que presentan un maior número de avarías e perdas de auga. A Avenida Méndez Núñez conta cunha canalización desas características que agora vai ser substituída por outra nova de polietileno de alta densidade nunha distancia de 130 metros. Ademais da renovación da tubaxe principal, realizaranse tamén as conexións coas redes existentes e as acometidas das vivendas afectadas.
O orzamento do proxecto alcanza os 48.662,28 euros e vai ser cofinanciado por Augas de Galicia ao abeiro do programa de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación menor a 20.000 habitantes, convocadas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU.
O outro proxecto ten por fin a creación dun novo software destinado á xestión das inscricións e do pagamento en liña das actividades municipais. Hai dúas ofertas presentadas. O orzamento máximo é de 23.232 euros e será cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramitan no marco da Intervención Leader, cofinanciadas polo Feader dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).
O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar, facilitar e optimizar o procedemento de inscrición nas diferentes actividades. Farase apostando por unha ferramenta moderna, intuitiva e de fácil manexo tanto para a cidadanía como para o persoal municipal. O novo sistema permitirá avanzar na dixitalización dos servizos públicos e achegar á veciñanza dun xeito máis cómodo a ampla oferta de actividades deportivas, culturais e sociais que organiza o Concello ao longo de todo o ano.
De acordo á valoración e cualificación técnica das ofertas por parte da Mesa de Contratación, ambos contratos serán adxudicados en próximas datas polo órgano competente, a Xunta de Goberno Local.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.