A alcaldesa compareceu este venres 6 de febreiro en rolda de prensa para abordar distintos asuntos de actualidade e avanzou que a Xunta de Goberno Local aprobará a cesión de dúas parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinadas a construción de vivendas en réxime de protección pública.
Trátase de dúas parcelas situadas en Castro de Abaixo, concretamente na avenida de Syra Alonso, identificadas cos números 5 e 7, e que teñen unha superficie de de 560 metros cadrados cada unha delas. Segundo o informe técnico emitido polo arquitecto municimpal o valor de cada unha das parcelas é de as é de 703.323,32 euros (IVE incluído), cunha capacidade, como mínimo, para 18 vivendas cada unha.
O expediente de cesión gratuíta destes bens municipais será sometido a exposición pública por prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no que se poden presentar as alegacións ou reclamacións oportunas. Para o caso de non haber ningunha alegación, o acordo elevarase a definitivo sen necesidade dunha nova aprobación.
“Estamos encamiñando a cesión das parcelas. E grazas as modificacións das ordenzas fiscais que aprobamos en setembro de 2025, estas vivendas de promoción pública, as que se constrúan, poderán beneficiarse se o solicitan, da bonificación do 50% do Ibi durante tres anos e do 45% durante os dez anos seguintes, sempre que manteñan a titularidade pública e se destinen a alugueiro. E tamén poderán beneficiarse da bonficiación do 95% do ICIO. É importante facer fincapé nesta cuestión incluída nas modificacións fiscais”, expuso a rexedora municipal en relación a esta medida que levou o goberno a Pleno.
Colaboración entre administracións
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que este tipo de iniciativas “enmárcanse na colaboración lóxica entre administracións que este goberno considera necesarias para incrementar, neste caso, a oferta de vivenda no territorio do Concello”. Alén desta colaboración, en outubro, o Concello dirixiuse á Xunta de Galicia para ofrecer a posibilidade de ceder outras parcelas, nas que se poderían construír unhas 80 vivendas, coa condición de que se dedicasen a vivenda pública en alugueiro, no marco dun programa conxunto de investimentos en adquisición e rehabilitación de inmobles para este destino. A rexedora lembrou que a Xunta rexeitou a proposta, sen posibilidade de abrir ningún diálogo ao respecto, e engadiu que sería “importante” que se retomase.
Encontros coa veciñanza
Na rolda de prensa tamén fixo unha valoración do primeiro xoves de encontros coa veciñanza que comezaron este xoves 5 de febreiro. “A verdade foron unhas conversas moi produtivas, de distintas persoas, de diferentes lugares da cidade que quixeron falar de temas do ámbito cultural, dos servizos, urbanísticos…”, indicou. Salientou de novo que son encontros con persoas individuais, xa que existen outras canles de asociacións, de participación cidadá en distintos foros e consellos de participación cidadá, que teñen outra vía. Por tanto, “creamos un espazo que era necesario e importante e que moita xente da cidade entendeu como un lugar distinto para escoitar propostas, dúbidas e inquedanzas”.
Goretti Sanmartín Rei indicou que xa están tamén programadas as citas do próximo 19 de febreiro e do 5 de marzo, en ambos os dous casos pola mañá e pola tarde, para tratar de atender o maior número de persoas, e que será así sempre que sexa posible.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.