— O acordo diríxese aos participantes no curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais que organiza o concello
— Tamén poderán facer prácticas no centro de día da Laracha
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización de prácticas formativas en centros de maiores públicos autonómicos. Este acordo permitirá completar a súa aprendizaxe aos once alumnos do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais que organiza o concello.
Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio ten asinados con outros concellos convenios como o subscrito esta mañá co de Arteixo, que permiten aos alumnos ampliar os seus coñecementos e ter a súa primeira experiencia na atención aos usuarios dun centro de maiores. Neste caso, os centros nos que farán prácticas son a residencia e centro de día de Arteixo e o centro de día da Laracha.
Durante o tempo que duren as prácticas non laborais os estudantes ocuparanse, entre outras funcións, de planificar tarefas para actividades de apoio ás persoas usuarias dos centros e realizarán con eles actividades de envellecemento activo e saudable, sempre co apoio e orientación dos profesionais dos centros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.