Friday 06 de February de 2026

Luís Pérez Barral destaca en Oleiros o compromiso do BNG coa mellora das parroquias


O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira segue desenvolvendo o programa “Parroquias con Voz”, un programa de encontros coas veciñas e veciños das parroquias do municipio para recoller directamente as súas propostas, prioridades e demandas. Trátase dunha iniciativa que está a ser moi ben valorada pola poboación xa que permite a participación directa nas decisións que se adoptan no Concello de Ribeira.

Esta semana o BNG estivo na parroquia de Oleiros, nun encontro no que participou o exalcalde e portavoz da formación, Luís Pérez Barral, xunto co responsable local do BNG, Rafa Pazos, e as concelleiras Cruz Rivadulla, Antía Alberte e Veva Betanzos. Durante a xuntanza Pérez Barral, acompañou ás persoas asistentes nun percorrido polos principais investimentos que a formación nacionalista impulsou durante a súa etapa no goberno local para mellorar servizos básicos e equipamentos públicos.

Pérez Barral destacou que se investiron 545.000 eeuros para reforzar servizos básicos e mellorar a calidade de vida da veciñanza de Oleiros, entre os que salientou o saneamento e melloras na seguridade viaria e accesibilidade na zona da Gándara con 100.000€, pavimentación da estrada nos Muíños por 81.000€ ou as actuacións no campo da Trinidade, que incluíron a renovación das luces por sistema LED e a creación de novos vestiarios cun orzamentos total de 165.000€.

Ademais, o exalcalde repasou as actuacións co proxecto e partida orzamentaria xa aprobados para 2026, que tamén mellorarán a vida na parroquia de Oleiros: como é a pavimentación dun ramal nos Muíños por 54.000€, o saneamento en Xenxides por 54.000€ ou a dotación de saneamento e pavimentación nos Muíños por 89.000€.

Investimentos récord nas parroquias

“Dotar ás nosas parroquias de servizos públicos de calidade é unha necesidade para garantir que o rural non quede atrás; estes investimentos son o resultado de escoitar á veciñanza e priorizar as súa demandas, algo que non pasaba antes”, subliñou Pérez Barral.

Ademais, Luís Pérez Barral puxo en contexto estes investimentos lembrando que o BNG foi quen de mobilizar 5,5 millóns de euros para ampliar servizos básicos e espazos públicos nas parroquias e deixando consignados outros 1,5 millóns para actuacións que se van desenvolver neste ano 2026. “Consignamos nas parroquias cifras históricas chegando a un total de 7 millóns de euros” salientou, a pesar da complexa situación económica herdada do anterior goberno do Partido Popular. O portavoz nacionalista subliñou que “nós chegamos ao Concello tendo que facer fronte a unha débeda pública de 13 millóns de euros que lastra a Ribeira, mentres que a nós botáronnos e deixamos 6,5 millóns de euros en fondos europeos para mellorar a vida da veciñanza”, incidindo en que unha xestión responsable e que estaba dando froitos.

Pola súa banda, a veciñanza trasladoulle ao portavoz e ás concelleiras do BNG diversas demandas que consideran prioritarias, como a implantación de medidas de calmado de tráfico, a mellora da iluminación pública en diferentes puntos da parroquia e a necesidade de seguir ampliando a rede de saneamento e auga potable para dar resposta ás necesidades actuais e futuras.

Luís Pérez Barral concluíu a xuntanza comprometéndose a seguir traballando en defensa dos intereses da veciñanza fronte aos intereses particulares do goberno local, así como a continuar presentando propostas positivas que permitan que as veciñas e veciños do rural de Ribeira gañen calidade de vida e accedan a servizos públicos de calidade en igualdade de condicións.

Deja un comentario