O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro, apunta que “este ano poderemos executar obras por preto de 2 millóns de euros, sempre que a Deputación acometa a senda peonil Gafoi-Aiazo”
O Pleno municipal aprobou o Plan Único 2026, que destina 715.000 euros a obras e 279.000 euros a gasto corrente
O Pleno de Frades aprobou os Orzamentos para 2026, que ascenden a 2.660.123,16 euros e medran un 6,46% con respecto ao ano 2025 (2.498.641,56 euros). Un presuposto “equilibrado en gastos e ingresos que reflicte os sinais de identidade deste equipo de Goberno: educación e sanidade como prioridades para un concello rural, débeda bancaria cero e pago de facturas ao día”, defendeu Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Economía e alcalde en funcións, quen explicou que “ter unha economía saneada permítenos solicitar todo tipo de axudas e subvencións tanto para sanidade como para educación, nas que o concello ten que achegar unha porcentaxe”. As contas saíron adiante cos votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as abstencións de PSOE e BNG.
Manuel Ferreiro destacou o forte carácter social destes orzamentos, “non en van Frades foi seleccionado en dúas ocasións pola Deputación da Coruña como exemplo de boas prácticas en servizos sociais”. Neste sentido indicou que a inversión en bens correntes sitúase en 1.085.000 euros, o que significa que catro de cada dez euros dos orzamentos terán como destino a financiación de servizos como a recollida de lixo, saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, mantemento de áreas públicas, roza de estradas, mantemento de camiños municipais, actividades deportivas, culturais e a financiación dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuítas a domicilio para as persoas maiores e dependentes.
Neste punto, Ferreiro Marzoa salientou que “son uns orzamentos que buscan ofrecer máis e mellores servizos a unha poboación envellecida, uns servizos nos que Frades é todo un referente a nivel provincial e que no 2024 permitiron que 281 veciños e veciñas viran mellorada a súa calidade de vida, o seu benestar e a súa autonomía persoal”.
Investimentos en obras
Por outra banda, o alcalde en funcións destacou que o capítulo de investimentos reais ascende este ano a 473.677,76 euros, un 41,6% máis ca en 2025, onde “a maioría dos proxectos son de mellora da seguridade viaria, arranxos de pistas e acondicionamento de accesos a núcleos de poboación, onde mantemos a nosa firme aposta polos arranxos en aglomerado”. De feito, nos dous últimos anos máis da metade das actuacións de arranxos en pistas nas distintas parroquias de Frades foron acometidas en aglomerado, para mellorar a seguridade viaria e ofrecer un mellor servizo á veciñanza.
A maiores, Manuel Ferreiro apuntou que “se sumamos os 3 proxectos aprobados no Plan Complementario do POS e temos en conta que estamos a piques de firmar o convenio para a nova ETAP de Ponte Carreira por 622.000 euros, este ano poderemos licitar e executar obras por preto de 2 millóns de euros, sempre que a Deputación acometa a senda Gafoi-Aiazo pola que levamos máis dunha década agardando”.
Non incremento de taxas
Os gastos de persoal medran en 50.000 euros, ata os 651.115 €, xa que inclúen as actualizacións dos salarios establecida para este ano. No que atinxe aos ingresos, o Concello manterá as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI para aqueles veciños e veciñas con inmobles onde se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. “Deste modo, renunciamos a ingresar uns 30.000 euros, que quedan nos petos dos nosos gandeiros e gandeiras nuns momentos de especial incerteza no sector”, apuntou o alcalde en funcións.
As previsións de ingresos por taxas municipais é de 325.846 euros, 23.000 euros máis co ano anterior debido principalmente á mellora da eficiencia recadatoria tras actualizar a base de datos. No caso dos impostos directos (IBI, IAE e Vehículos) e indirecto mantéñense practicamente iguais ao ano anterior: 453.695 e 30.000 euros, respectivamente.
POS 2026
Finalmente, o Pleno municipal tamén aprobou a proposta da Alcaldía de actuacións a incluír no Plan Único de Concellos 2026, que destina 279.310 euros ao financiamento de gastos correntes e 715.965 euros a obras. Así, os 263.350 euros da Achega Provincial 2026 destinaranse integramente a dous proxectos de obras:
– Camiño Casal (Vitre) a Erimsa (Frades), camiño Queirís á DP-3801 (Moar), tubaxe Tarrío (Papucín), cuneta revestida en Auga Santas (Céltigos) e barreira de seguridade en Bouzamonte (Añá): 69.919,66 euros.
– Camiño Currás ao Sibio (Gafoi), accesos a Aboi (Céltigos), accesos a Pazo (Abellá), accesos a Marís (Abellá), accesos a Bataneiros-Reboredo (Galegos) e accesos a Currillos (Vitre): 193.430,42 euros.
A maiores aprobouse un Plan Complementario de 2026 con outras tres actuacións:
– Camiño DP-3802 (Vista Alegre) á DP-3801 (A Grabanxa), por 229.810,15 euros.
– Accesos a San Martiño (Frades), por 93.933,16 euros.
– Camiño do Mesón ás Quintás (Ledoira) e accesos a Tarrío (Papucín), por 128.872,39 euros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.