A concelleira socialista, Marta Abal, acusa ao goberno municipal de ter levado á rede de Centros Socioculturais á súa maior crise por unha xestión marcada pola falta de previsión, o abandono e a incapacidade para garantir un servizo público esencial.
Os socialistas advirten de que a actuación do goberno municipal levou os Centros Socioculturais a unha situación límite que puxo en risco a continuidade do servizo e os dereitos laborais do persoal, e alertan de que esta crise non pode ser asumida nin normalizada.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista advertiu da grave situación á que chegou a rede de Centros Socioculturais de Santiago tras a renuncia da empresa Eulen ao contrato de dinamización e mediación sociocultural, unha decisión que, segundo sosteñen, non pode desvincularse da actuación do goberno municipal.
A concelleira socialista Marta Abal alertou de que o escenario aberto pon en evidencia unha xestión incapaz de anticiparse aos problemas e de garantir a estabilidade dun servizo básico para a cidade. “Desde o Grupo Municipal Socialista estamos moi preocupados pola situación xerada tras o anuncio de Eulen de renunciar ao contrato para a dinamización e mediación sociocultural da rede de Centros Socioculturais”, afirmou.
A socialista advertiu de que esta crise está a ter consecuencias directas no funcionamento diario dos centros e nas condicións nas que o persoal desenvolve o seu traballo. Nese contexto, Abal subliñou que “en primeiro termo, queremos expresar a nosa máxima solidariedade coas traballadoras e traballadores afectados que non poden seguir pagando as consecuencias dunha mala xestión”.
A edil socialista responsabilizou de maneira directa ao executivo local dunha situación que considera resultado da falta de control e da pasividade política. “Esta situación ten un único responsable, o Goberno bipartito do Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta”, asegurou, antes de advertir de que “non se pode sinalar a terceiros nin buscar escusas, foi o Executivo Municipal quen permitiu que o problema medrase ata converterse nunha crise que hoxe pon en risco os dereitos das traballadoras e a estabilidade dun servicio público esencial”.
Para o grupo socialista, o momento actual marca un punto crítico na historia da rede municipal de Centros Socioculturais. Así o expresou Abal ao afirmar que “estamos, sen dúbida, ante a peor etapa da historia dos Centros Socioculturais de Santiago”, reclamando asumir responsabilidades políticas por unha xestión que consideran esgotada.
Finalmente Abal insistiu en que a prioridade debe ser garantir a continuidade do servizo e a protección dos dereitos laborais do persoal afectado, e advertiu de que a situación creada esixe un cambio inmediato na xestión municipal, porque “non cabe máis improvisación nin máis erros”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.