Friday 06 de February de 2026

O Concello abre inscricións no programa ‘Maiores en plena forma’, con actividades gratuítas en 22 centros cívicos


O programa, dirixido a persoas maiores de 50 anos, desenvolverase do 23 de febreiro ao 29 de maio

As inscricións poderán formalizarse do 11 ao 18 de febreiro na conserxaría de cada centro, por orde de chegada e con prazas limitadas

O Concello porá en marcha nas vindeiras semanas unha nova edición do programa municipal Maiores en plena forma, unha iniciativa   orientada a promover un envellecemento activo e saudable a través de propostas de benestar físico, psíquico e sociocultural na rede de centros cívicos municipais.

A programación desenvolverase do luns 23 de febreiro ao venres 29 de maio e está dirixida a persoas maiores de 50 anos. Para participar, será necesario formalizar a inscrición entre o 11 e o 18 de febreiro, directamente na conserxaría do centro cívico correspondente. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

O programa inclúe actividades de mantemento e coidado corporal —como ximnasia, ioga, control postural ou solo pélvico—, ademais de propostas orientadas á estimulación e o benestar emocional, como a risoterapia, a musicoterapia, a relaxación e a xestión de emocións. A oferta complétase con obradoiros prácticos (nutrición, bixutería) e iniciativas para reducir a fenda dixital, con sesións de manexo do móbil e das redes sociais, entre outras opcións.

Ademais, Maiores en plena forma incorporará visitas culturais guiadas con distintos percorridos temáticos, que permitirán redescubrir a cidade dende unha perspectiva histórica e social, combinando actividade física moderada e divulgación cultural.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que “Maiores en plena forma é unha aposta clara do Goberno de Inés Rey por achegar alternativas de balde, de proximidade e adaptadas ás necesidades da veciñanza maior, reforzando hábitos saudables e tamén os vínculos comunitarios nos barrios”.

Deja un comentario