— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada
— A instalación proxéctase nunha superficie de máis de 20.900 metros cadrados no Parque de Actividades Económicas de Arteixo, no polígono de Morás
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre unha planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde no Concello de Arteixo. En todo caso, a resolución está condicionada a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na propia DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Accionaplug SL, é ambientalmente viable.
Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, co resultado dunha ducia de organismos consultados e sen que se recibira ningunha alegación ao expediente.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; de augas e leitos fluviais; do patrimonio natural; do solo e infraestruturas, xestión de residuos; ante accidentes graves ou catástrofes, así como integración paisaxística.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería. Agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto, necesaria para completar o trámite ambiental antes de devolver o expediente ao órgano substantivo.
O promotor, Accionaplug SL, pretende implantar no Parque de Actividades Económicas de Arteixo, no polígono de Morás, unha planta de planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde. As instalacións ocuparán varias parcelas cunha superficie total de máis de 20.900 metros cadrados.
A produción de hidróxeno realizarase mediante electrólise, empregando un electrolizador de tipo PEM (Proton Exchange Membrane) con configuración modular composto por catro módulos de 5 MW de capacidade cada un, que incluirá os sistemas auxiliares de purificación de hidróxeno, de tratamento de auga e de refrixeración.
As instalacións contarán cunha capacidade de electrólise de 20 MW, o que permitirá xerar un máximo de 356 kg/h de hidróxeno verde, estimándose unha produción anual máxima de 2.990 t/ano de hidróxeno verde cunha pureza superior ao 99%. Ademais, a localización estratéxica das instalacións no parque empresarial permitirá proporcionar hidróxeno, se fose demandado, dentro do propio parque de actividades, así como á zona industrial próxima á futura planta.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.