– O representante do Goberno galego salienta que o autor representa “a Galicia calidade, na que a apertura creativa non oculta a orixe e as raíces na se inspira”
– A mostra é unha homenaxe ao modernismo da cidade herculina, que seleccionou, bosquexou e pintou e que pode verse na sede Afundación ata o 21 de marzo
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a traxectoria artística de Raúl Velloso como “claro exemplo da arte plástica galega, que consegue proxección e recoñecementos internacionais innovando e arriscando desde a tradición”. Así o puxo en valor na inauguración da mostra do artista A Coruña, arte e textura, que tivo lugar na sede de Afundación da cidade herculina, onde pode verse ata o 21 de marzo.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego lembrou a presenza expositiva e a admiración recollida da obra de Velloso en Cataluña, Mallorca e noutros puntos de Europa, como Suíza, Portugal e Francia, “definida por unha aposta clara pola vangarda, pero sen desatención nin desafección polas raíces”, valorou. Neste senso, atribuíulles as súas creacións e ao seu currículo “eses valores e sinal de identidade da Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullos, na que o risco e a apertura non oculta a orixe na que se inspira e nace a súa obra”.
Ao respecto, o titular de Cultura fixo mención a que, tras o periplo internacional vital e artístico internacional de Velloso, agora está a traballar desde a súa vila natal, en Cangas do Morrazo, onde continúa a expoñer con regularidade. Ademais, considerou unha “clara demostración deste apego identitario da nosas artes plásticas” que sexa a cidade da Coruña “fonte e inspiración desta exposición”.
Precisamente, para esta mostra na Coruña, Velloso atopou unha fonte de inspiración especial no modernismo da cidade herculina, unha arquitectura que define como exquisita e que seleccionou, bosquexou e pintou, converténdoa no fío condutor desta mostra.
Artista de bagaxe internacional
Raúl Velloso é un artista de formación autodidacta que se inicia na pintura na década dos anos noventa, durante a súa estancia en Barcelona. Desde entón, a súa traxectoria foi constante e sólida, con presenza expositiva en Cataluña, Mallorca e Galicia, así como noutros puntos de Europa, como Suíza, Portugal ou Francia. Tras ese periplo vital e artístico, o pintor regresou á súa vila natal, onde instalou novamente o seu taller.
Comezou a expoñer en Vigo en 1995 e ese mesmo ano presentou o seu traballo no Centro Galego de Barcelona, dando o salto á prestixiosa galería René Metras. A súa última grande exposición institucional, celebrada en Vigo en 2004, confirmou a Velloso como un creador distinto, capaz de integrar influencias do postcubismo, do dadá ou mesmo de Fernand Léger, cunha execución coidada que revela un labor minucioso, case artesanal, con fortes contrastes cromáticos.
Recoñecido con mencións no Concurso Internacional de Arte Nova da sala Parés de Barcelona e noutros certames organizados pola Generalitat de Cataluña, a súa obra atópase hoxe espallada por diversas cidades europeas.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.