Thursday 05 de February de 2026

O Concello de Carballo aposta pola formación dos sectores económicos con iniciativas dirixidas a profesionais do turismo e da alimentación


• O obradoiro de ideación e cocreación pechou o programa C4S-Carballo pola sostibilidade

• Un taller de elaborados de carne inicia o programa formativo para comerciantes do mercado municipal

O Concello de Carballo aposta pola formación dos sectores económicos locais con accións concretas e específicas que contribúan a mellorar a súa competitividade. Nestes momentos están en marcha dúas iniciativas orientadas ao sector turístico, por unha banda, e aos comerciantes do mercado municipal, pola outra.

Este xoves, precisamente, coincidiron estas dúas propostas. Pola mañá celebramos a actividade de peche do programa C4S-Carballo pola sostibilidade, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo coa finalidade de “conseguir un turismo de calidade que xere valor no concello”, como explicou o concelleiro Xosé Regueira.

Ao longo dos últimos cinco meses vense desenvolvendo un intenso programa de difusión, formación, asesoramento, acompañamento e empoderamento para promover e facilitar a transición sostible como fonte de vantaxe competitiva para negocios turísticos. E hoxe tocou á súa fin cun acto aberto ao sector no que participaron unha vintena de negocios. Xosé Regueira insistiu en que “calidade e sostibilidade non son só unha responsabilidade, senón tamén unha oportunidade para atraer un visitante cada vez máis concienciado, que valora a autenticidade, o respecto polo medio e as experiencias con sentido”.

Xunto a esta iniciativa, coa que queremos seguir construíndo un Carballo máis xusto tamén desde o turismo, a Concellaría de Feiras e Mercados puxo en marcha esta semana o Plan de formación para concesionarios do mercado municipal, que arrincou con dúas xornadas centradas na elaboración de preparados de carnizaría.

Tatiana Varela Fernández, graduada en Hostalaría pola USC, foi a encargada de achegar diferentes elaboracións que permitan ao público máis novo achegarse ao mercado municipal na procura de opcións sinxelas, que requiren menos tempo de cociña e que, sobre todo, destacan pola calidade do produto. Hamburguesa, rosbif, aliñas de polo mariñadas e albóndegas de porco e tenreira foron as catro propostas elaboradas entre o mércores e o xoves nas instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo.

Ata alí achegouse o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, que tivo a oportunidade de comprobar a boa acollida da iniciativa. O plan de formación, que continuará con accións específicas para outros sectores presentes no mercado, súmase ás iniciativas de dinamización que xa están en marcha, froito do compromiso do Concello de Carballo coa promoción do produto de proximidade e do comercio local.

Deja un comentario