Thursday 05 de February de 2026

A alcaldesa asina a cesión dunha parcela á Fundación Andrea para aloxar familias con crianzas hospitalizadas


O proxecto ‘A Casiña de Andrea’ permitirá a familias con baixos recursos ter un acubillo durante longas estadías hospitalarias de nenas e nenos

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, formalizou este xoves a sinatura para a concesión demanial dunha parcela para a Fundación Andrea xunto coa presidenta desta entidade social, Charo Barca. O acto tivo lugar no Pazo de Raxoi e nel participou tamén o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás.

A cesión deste terreo, no marco do dereito concesional, permitirá poñer en marcha ‘A Casiña de Andrea’, un “proxecto ilusionante”, en palabras da alcaldesa, que permitirá que “familias de nenos e nenas con doenzas de longa duración poidan ter un espazo para acubillares durante toda a estadía no hospital”.

Goretti Sanmartín concretou que a cesión terá unha duración de 30 anos con posibilidade de dúas prórrogas doutros cinco anos, aliviando as “circunstancias dramáticas que moitas familias teñen que enfrontar”, e que con esta acción Santiago se sitúa como “referente do país a nivel de colaboración co terceiro sector”.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Andrea expresou a súa “felicidade”, agradeceu ao Concello a súa implicación e celebrou que ‘A Casiña de Andrea’ permitirá crear entre 20 e 25 habitacións para acoller as familias que o precisen. Actualmente, a fundación dá aloxamento a unhas 250 familias e espera duplicar esa cifra a partir da apertura do Centro de Protonterapia. “Esperamos a chegada de familias derivadas de distintos puntos do Estado e mesmo de Portugal para tratamentos ambulatorios prolongados”, engadiu Charo Barca, o que suporá un aumento da demanda para atender a familias que non poden sufragar un aloxamento durante estas estadías.

A parcela, denominada R-7 do SUP-4, dedicarase á construción dun edificio que albergará a propia sede da Fundación Andrea e habitacións para aloxar familias con escasos recursos que necesiten desprazarse a Santiago para longas estadías hospitalarias de nenos e nenas con enfermidades de longa duración ou crónicas e ofrecerá tamén actividades lúdicas, de respiro familiar e de contacto social entre os menores beneficiarios da entidade e as súas familias. Rematada a vixencia da cesión, o inmoble reverterá no Concello.

O valor da parcela é de 1.486.303,50 euros e o orzamento estimado de execución material da obra sitúase en 1.720.596,00 euros.

Deja un comentario