O Pleno aproba por unanimidade designar festivo local o 18 de marzo, Día de Zernadas de Castro, e a creación dunha comisión informativa para apoiar a candidatura do Cura de Fruíme ao Día das Letras Galegas 2027
O pleno de Lousame, reunido na noite de onte de forma extraordinaria e urxente, aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía do Plan Único 2026, que destina a obras os 270.388 euros da Achega 2025 e a gasto corrente os 294.938 euros da Achega 2026. A maiores, aprobouse o Plan Complementario de 2026 por 83.539 euros destinados á mellora do viario de Fruíme.
O alcalde, Esteban Ares García, explicou que “buscamos recoller aquelas necesidades que escoitamos nas reunións mantidas coa veciñanza polas parroquias. Intentamos chegar aos máximos lugares posibles e por iso non son proxectos moi elevados economicamente pero que nos permiten dar resposta ás peticións que nos trasladaron os veciños e veciñas”. Así, a proposta de actuacións inclúe un total de sete proxectos de mellora solicitadas pola veciñanza nos encontros “Lousame parroquia a parroquia”, celebrados nos locais sociais de todas as parroquias do municipio no último trimestre de 2025:
– Acceso arriba das Bouciñas: 31.179 euros.
– Accesos a Pomar, Cruído e Pastoriza: 37.075 euros.
– Interiores en Aldeagrande: 32.633 euros
– Arranxo do viario de Silvarredonda ás minas de San Finx e accesos a Sedofeito: 33.912 euros.
– Interior de Sabugueiro: 33.266 euros.
– Interior de Lesende e Pousada: 36.482 euros.
– Interior de Maxide, Marracín e Vilacoba: 65.809 euros.
Neste sentido, o alcalde fixo fincapé tamén no esforzo realizado “para evitar ter que destinar todo a gasto corrente, como están facendo moitos concellos” e se ben recoñeceu que “tiñamos máis proxectos pero tivemos que destinar parte a gasto corrente”.
Zernadas de Castro
Os outros dous puntos da orde do día tamén saíron adiante por unanimidade. Se na sesión anterior se aprobara establecer de forma institucional como “Día de Zernadas de Castro” o 18 de marzo, data do nacemento do cura de Fruíme; onte se acordou que o 18 de marzo será festivo local en Lousame a partir do ano 2027. Un acordo se remitirá á Xunta de Galicia en canto soliciten os festivos locais.
Así mesmo, acordouse a constitución dunha Comisión Informativa Especial Zernadas de Castro para estudar, informar e emitir ditames sobre a candidatura do cura de Fruíme ante a RAG para que se lle dedique o Día das Letras Galegas. Unha comisión presidida polo alcalde, ou a persoa na que el delegue, e composta por 3 concelleiros/as do PP, 2 do PSOE e 1 do Grupo Mixto. Os grupos municipais disporán de 5 días para achegar os nomes dos compoñentes desta comisión, que se reunirá a finais de cada mes ata que se coñeza a decisión da Real Academia Galega.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.