• O alcalde trasladoulle á conselleira de Economía e Industria a preocupación veciñal
• Daniel Pérez esixe o máximo control por parte da Xunta de Galicia sobre as medidas de seguridade na antiga mina
A situación do monte Neme preocupa moito na parroquia de Razo, como quedou patente na xuntanza informativa do mércores, que ateigou o centro social. O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, explicaron á veciñanza os feitos ocorridos o sábado, ao colapsar unha das balsas da antiga mina e provocar a rotura dunha antiga galería pola que saíron a gran presión miles de litros de auga, que arrastraron todo o que colleron ao seu paso monte abaixo.
Os representantes municipais lembraron que este é o segundo suceso de características similares que se producen nos últimos catorce anos, e que, na opinión do goberno municipal, desde o ano 2012 non se tomaron as medidas precisas por parte da Administración competente, que é a Xunta de Galicia.
Na xuntanza veciñal informouse, por parte dun dos asistentes, do posible risco que podería supoñer o elevado nivel de auga noutra das balsas, a de augas limpas. Esta mesma mañá, os concelleiros Luis Lamas e Miguel Vales achegáronse ata ese punto, xunto co veciño que alertou da situación, e puideron comprobar que, efectivamente, o nivel de auga na balsa está aproximadamente un metro máis alto do habitual debido, aparentemente, ao atoamento dunha tubaxe de evacuación.
O alcalde púxose en contacto de forma inmediata coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para trasladarlle a preocupación pola situación da balsa de augas limpas e a inquedanza dos veciños e veciñas de Razo. A raíz desta comunicación, o director xeral de Minas, Pablo Fernández, trasladou ao alcalde o compromiso do seu departamento de enviar un equipo técnico.
Daniel Pérez esíxelle á Xunta de Galicia “que asuma a súa responsabilidade, tanto na verificación e supervisión de que se respectan as cautelas de seguridade coma na execución da restauración mineira”. O alcalde insiste en que os habitantes da contorna “non poden estar atemorizados día tras día”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.