Thursday 05 de February de 2026

O Concello de Fene pecha o acceso ao paseo marítimo de San Valentín tras un desprendemento


Os temporais das últimas semanas provocaron danos na infraestrutura, polo que se prohibe o paso pola zona por motivos de seguridade

A alcaldesa convocou unha reunión urxente con Costas para avaliar a situación e reclamar actuacións no treito fenés do paseo

O Concello de Fene vén de proceder ao peche do paseo de San Valentín, logo de que se desprendera parte da estrutura pola zona da rampla como consecuencia dos sucesivos temporais rexistrados nas últimas semanas.

Desde o goberno local pídese máxima precaución á veciñanza e rógase respectar a sinalización instalada, xa que o tránsito pola zona afectada supón un risco para a seguridade das persoas. O acceso permanecerá pechado ata novo aviso, en tanto non se avalíen os danos e se determinen as actuacións necesarias.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, xa axendou unha reunión de urxencia para mañá venres a primeira hora no propio emprazamento con representantes de Costas, co obxectivo de analizar a situación sobre o terreo e reiterar a necesidade de actuar no treito fenés do paseo marítimo, unha demanda histórica que o Concello vén trasladando en numerosas ocasións ante o progresivo deterioro desta infraestrutura litoral.

O Concello de Fene manterá informada á veciñanza das conclusións da avaliación técnica e das medidas que se adopten para garantir a seguridade e a recuperación dun espazo público moi utilizado pola veciñanza.

Deja un comentario