O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe co tenente alcalde do municipio coruñés de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, para analizar de xeito conxunto os detalles da adaptación da Lei do Patrimonio Cultural, coa introdución de cambios que lles permitirán aos concellos axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz dos seus bens patrimoniais. Por outra banda, tamén afondaron noutras cuestións que teñen que ver coas distintas áreas do departamento, como son as infraestruturas ou a programación de actividades culturais e para a xuventude.
Neste senso, o representante do Goberno galego explicoulle que as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Así, cómpre subliñar que a Xunta de Galicia é a única administración que actualmente informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grao de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.