Thursday 05 de February de 2026

O PSdeG denuncia que a falta de mantemento do goberno de Sanmartín deixa as rúas das Fontiñas nunha situación lamentable


A concelleira socialista Marta Abal puxo o foco no deterioro xeneralizado das rúas do barrio das Fontiñas e responsabilizou ao goberno municipal da ausencia dunha política de mantemento eficaz durante os últimos dous anos.

Para o Grupo Municipal Socialista, este escenario é consecuencia directa da falta de planificación e de control do mantemento viario por parte do executivo local durante os dous últimos anos, malia dispoñer de contratos en vigor e de recursos económicos suficientes para intervir.

O Grupo Municipal Socialista advertiu do grave estado no que se atopan numerosas rúas do barrio das Fontiñas como consecuencia da falta de planificación no mantemento viario por parte do goberno da señora Sanmartín nos últimos anos.
Segundo explicou a concelleira socialista Marta Abal, “a falta de planificación no mantemento dos pavimentos do termo municipal está a provocar a situación que estamos a vivir: rúas completamente destrozadas e fochancas por todos os lados”. Abal subliñou que esta problemática é “especialmente grave no barrio das Fontiñas, onde as estradas presentan un deterioro moi acusado, afectando á seguridade e á vida diaria das veciñas e veciños”.
A edil socialista insistiu en que non se trata de incidencias illadas, senón dun problema estrutural, “non estamos ante un problema puntual. Estamos ante o resultado da falta de mantemento durante os dous últimos anos”. Nese sentido, lembrou que o deterioro dos firmes non só xera incomodidades, senón que supón tamén un risco para a circulación e para a mobilidade peonil.
Desde o grupo municipal socialista reclaman actuacións concretas e planificadas, “esiximos ao goberno municipal que realice unha diagnose profunda do estado de cada unha das vías do barrio das Fontiñas e que execute durante o ano 2026 os investimentos necesarios para reparar definitivamente o estado dos firmes”, indicou Abal.
A concelleira socialista indicou que a situación non responde á falta de recursos, senón á ausencia de planificación por parte do executivo local. Neste sentido, lembrou que “o goberno bipartito de CA e BNG ten as ferramentas necesarias: conta con contratos de mantemento e tamén con crédito para acometer obras de rehabilitación de firmes asfálticos”, polo que, ao seu xuízo, “o único que falta é planificación e xestión”.
Para os socialistas, a situación actual é inaceptable e require unha resposta inmediata, “porque o barrio das Fontiñas non merece ter as súas vías nun estado lamentable”, concluíu Marta Abal.

Deja un comentario