Thursday 05 de February de 2026

O BNG logra un acordo unánime do pleno de Cabanas para esixir á APLU a retirada dos áridos contaminantes de Vilar do Colo


A iniciativa nacionalista reclama actuar ante o gran volume de refugallos depositados e os riscos ambientais existentes

O Bloque denuncia que a visita da conselleira de medio ambiente foi unha oportunidade perdida e acusa ao PP de usar Cabanas como escaparate mentres ignora os problemas reais do concello

O BNG de Cabanas conseguiu no último pleno municipal a aprobación unánime dunha moción para esixir á Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU) a retirada inmediata dos áridos contaminantes depositados no monte dos Cocidos, ao pé de Vilar do Colo, unha situación que leva anos xerando preocupación veciñal polo seu impacto ambiental e polos posibles riscos para o territorio.

A proposta nacionalista pon o foco no importante volume de refugallos acumulados na zona (máis de 290.000 toneladas) e na necesidade de actuar con urxencia para evitar consecuencias ambientais maiores, garantindo a recuperación do espazo e o cumprimento estrito da legalidade.

Un problema ambiental que se remonta a 2007

Desde o BNG lembran que esta problemática non é nova, xa que estes refugallos asfálticos foron depositados na zona no 2007 pola empresa Manmer SL, procedentes de Holanda, e considerados contaminantes polo Instituto Nacional de Toxicoloxía no 2011.

En xaneiro de 2014, a APLU emitiu unha resolución esixindo a retirada dos residuos e concedendo un prazo de tres meses á empresa responsable, e advertindo que, de non facelo, a Xunta de Galiza debería proceder á retirada de forma subsidiaria.

Desde entón, sucedéronse as iniciativas políticas no Parlamento de Galiza, no Parlamento Europeo e no propio Concello de Cabanas. Paralelamente, unha sentenza xudicial de 2017 condenou ao empresario responsable por delito ambiental, impondo tamén a retirada dos áridos contaminantes que continúan no mesmo lugar nove anos despois.

Unha oportunidade perdida

A formación nacionalista criticou a visita realizada onte a Cabanas pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cualificada como “unha visita baleira de contido e sen compromisos reais cos problemas da veciñanza”. O BNG lamenta, ademais, que as representantes municipais non fosen “nin informadas nin convidadas” a participar nun encontro institucional que afecta directamente ao concello.

Para o Bloque, a presenza da conselleira foi “unha oportunidade perdida”, xa que, en lugar de converter Cabanas nun escenario para facer anuncios, debería ter visitado o depósito de refugallos de Vilar do Colo onde “a súa propia consellaría permite unha das situacións contaminantes máis importantes do país que require actuacións inmediatas”.

O BNG denuncia que o Partido Popular, tanto desde a Xunta como desde o goberno local, “leva todo o mandato utilizando Cabanas como decorado para o seu teatro político mentres ignora os problemas reais da veciñanza”, entre eles a xestión ambiental e a protección do territorio.

A formación nacionalista agarda que a aprobación unánime desta iniciativa sirva para que a APLU actúe sen máis demora, e para que a Xunta asuma as súas propias resolucións, poñendo fin a unha situación que consideran “inaceptable desde o punto de vista ambiental e institucional”.

Deja un comentario