• O PP volve esixir a listaxe de proxectos contratados nos últimos anos, que o goberno local segue sen poñer ao dispor da oposición
• Critica a falta de coñecemento das actuacións propostas por parte dos concelleiros responsables de contratar e levar a cabo as obras
• Izaskun García: “Culleredo necesita máis planificación, máis diálogo e máis ambición para aproveitar cada oportunidade”
O Partido Popular de Culleredo denuncia que o goberno de José Ramón Rioboo volve xestionar “a última hora, sen consenso e sen unha planificación seria” a solicitude do POS+ 2026 (Plan Único de Concellos) #ante a Deputación coruñesa, que este venres levarán a votación a un pleno extraordinario, convocado ás 9.30 horas, cando o prazo de presentación da solicitude termina ás tres da tarde. “Non é unha anécdota, é o seu talante: sempre tarde, sempre con présas e sen falar con ninguén”, afirma a portavoz popular, Izaskun García.
Para o PP, o máis grave non é só “chegar ao límite”, senón que trae Rioboo e como o tramita: “Volven evidenciar falta de ideas e ausencia total de prioridades reais. Presentan un paquete de obras sen diálogo coa oposición e sen explicar ningún criterio. Son proxectos antigos que se sacan agora do caixón porque non se executaron cando tocaba, mentres Culleredo segue esperando actuacións realmente urxentes”, advirte García. Como exemplo, sinala que “se repiten fórmulas ano tras ano como a renovación da iluminación con tecnoloxía LED, que é unha medida positiva, pero úsase como comodín”, mentres se deixan sen atender necesidades máis importantes. “Culleredo necesita un goberno que ordene prioridades reais e non un que sobreviva a base de proxectos reciclados”, sinala Izaskun García.
Os populares alertan de que esta forma de actuar, con présas e sen planificación real, xa tivo consecuencias: o Concello renunciou a preto de 600.000 euros en axudas do POS pola súa incapacidade para executar en tempo e forma investimentos xa financiados e con proxectos aprobados, como a rehabilitación do pavillón de Tarrío, que requiría obras de maior calado que as previstas no proxecto que se aprobou, e o acondicionamento da polideportiva descuberta da Praza Europa, onde a deterioración da pista facía inviable a solución construtiva exposta, polo que a empresa adxudicataria pediu resolver o contrato.
Neste sentido, o PP tamén critica a falta de transparencia por parte do goberno municipal, que segue sen facilitar a listaxe de proxectos de obra contratados nos últimos anos a pesar de requirilo en numerosas ocasións. Para García, o motivo da negativa é claro: “Cada proxecto págase. E cando non se executa, cando pasan os anos e queda obsoleto ou xa non se axusta á realidade, ese diñeiro pérdese. Non podemos normalizar que se tiren miles de euros en papeis que acaban nun caixón”.
A portavoz popular mostra tamén a súa preocupación polo descoñecemento sobre o que o Concello pretende solicitar con cargo ao financiamento do POS do 2026. Na comisión de presidencia celebrada onte, á que asistiron a concelleira de Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, e o concelleiro de Obras, Carlos Liñares —coa ausencia do alcalde—, “vimos que non manexaban con claridade aspectos básicos das actuacións”. Como exemplo, García indica que nin sequera souberon concretar se unha das obras incluía saneamento. “Isto é incrible e preocupante: vai pedir financiamento para obras e os propios responsables municipais non saben que levan exactamente”, critica García, quen vincula este descontrol a un problema de fondo: “Rioboo é un alcalde ausente, pero a súa forma de gobernar tan personalista e desconfiada acaba deixando aos seus concelleiros sen información nin capacidade real para explicar e defender os proxectos #ante a oposición”.
Fronte a esta maneira de gobernar, os populares lembran que durante todo 2025 trasladaron propostas concretas tras os seus encontros con veciños de barrios e parroquias na campaña “Rúa a rúa, escoitando”: desde a reforma de prazas como as de Castelao e Santa Xema, en Fonteculler, e a renovación de beirarrúas no Portazgo, ata a mellora da rede de saneamento en Orro ou actuacións de seguridade viaria en Vallesur e As Oliveiras e as melloras demandadas en Augas Mansas. “Culleredo necesita máis planificación, máis diálogo e máis ambición para aproveitar cada oportunidade. Desde o Partido Popular seguiremos traballando para que sexa realidade”, sinala García.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.