O acto, no que intervirán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o vicepresidente da AC Fuco Buxán, Víctor G. Novás, comezará ás 19.00 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (entrada libre), onde poderá visitarse até o vindeiro 30 de marzo. Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. As persoas que asistan á inauguración ou visiten a mostra poderán facerse cunha unidade didáctica da mesma, até fin de existencias. E os colexios ou asociacions interesados, poderán solicitar unha visita guiada enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
“10 de marzo do 72, a mirada artística de Xaime Quessada” é unha exposición promovida polos concellos de Fene, Ferrol e Narón coa colaboración da AC Fuco Buxán e a Fundación Xaime Quessada que ten como obxectivo reflectir “os aspectos fundamentais que rodearon o conflito laboral dende a súa orixe; as consecuencias de todo tipo e a represión exercida sobre os traballadores e o movemento de solidariedade dos diferentes sectores cidadáns, así como a súa repercusión mundial a través dos máis importantes medios de comunicación”.
Segundo explican desde a A.C. Fuco Buxán, trátase da mostra “dun artista xenial, un axitador cultural, iconoclasta, heterodoxo e cun fondo sentido da solidariedade e do compromiso ético. Na biografía de Xaime Quessada (Ourense, 1937-2007) ocupa un capítulo destacado a súa vinculación con Ferrolterra, coas súas xentes, coas súas loitas e reivindicacións. Este vínculo coa nosa realidade, social e urbana, ven de finais dos sesenta cando en pleno franquismo contactou coas CCOO e o, daquela, ilegal Partido Comunista. Esta relación non se circunscribiu ao traballo artístico, moi ao contrario, Xaime sempre foi un home xeneroso e valente que acudía en solidariedade de tódalas causas que consideraba xustas.
O 10 de marzo do 72, ao ter noticia da extrema represión da ditadura, chegou a Ferrol formando parte da comisión de intelectuais que mediou ante as autoridades en solidariedade cos traballadores de Bazán. Este compromiso rebelde e solidario convertérao -anos atrás- a el mesmo en obxectivo da represión que recolle maxistralmente nunha parte da súa obra testemuñal: El Dictador, La detención, Los sótanos de la Gobernación o El Tribunal de Orden Público, entre outros que hoxe podemos ver aquí reproducidos xunto con pezas, de enorme capacidade expresiva, adicadas ós sucesos do 10 de marzo do 72 ó que aportaría o seu talento: augafortes como o de Morte nas Pías, cartelismo sociopolítico, Daniel e Amador, ou nos pósters clandestinos para as CCOO e o PCG, que contribúen a manter viva a memoria deixando mensaxe e pegada deste tráxico episodio, dos seus protagonistas e das súas familias”.
Esta mostra é “un berro angustioso ante a falta de liberdades e a crueldade e vén lembrar o permanente debate sobre a función da arte e a relación da obra -e do artista- coa realidade social que lle toca vivir nun compromiso no que vernos reflectidos cando reivindicamos dereitos e dignidade. En Xaime latexou sempre unha personalidade artística inqueda de buscas e unha irrenunciable tarefa de denuncia, materializada “na Longa noite de pedra” do franquismo. A súa mensaxe universalista por riba de calquera cor político, inequívoca, de incuestionable beleza tráxica e desacougante a un tempo, conduciuse nun dobre compromiso: ético, na defensa da dignidade humana i estético representando ás xentes de Ferrolterra cunha certeira e xenerosa mirada artística que fai que nos vexamos reflectidos na súa obra non só como somos senón -tamén- como queremos ser para que as xeracións que nos substitúan pensen en nós con aprecio e respecto”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.