O BNG valorou no pleno municipal o destino dos 1.700.000 euros procedentes da Deputación da Coruña, uns fondos que chegan aos concellos mediante criterios obxectivos, “fronte á política de discriminación da Xunta cos concellos que non son da súa mesma cor”.
A proposta do goberno local é de destinar 805.000 euros para gasto corrente, o que supón arredor do 47 % do total e a contía restante a investimentos, repartidos en nove actuacións, unha por cada parroquia.
O exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, sinalou que calquera investimento nas parroquias é necesario e benvido, “xa que Ribeira precisa seguir mellorando servizos básicos, infraestruturas e espazos públicos”. Ao mesmo tempo, destacou que esta proposta confirma que a política municipal impulsada polo BNG cando estivo no goberno era a correcta. “Por moito que nos criticaran, hoxe vese que priorizar pavimentacións, ampliar o saneamento e a auga potable, coidar os espazos públicos e os parques infantís era responder ao que pedía a veciñanza”, indicou.
Na quenda de intervención, lembrouse que o Bloque presentou 17 propostas alternativas, froito dunha escoita activa parroquia por parroquia, fronte á falta de diálogo e participación do goberno municipal. “De pouco serve falar de participación se logo non se atenden as demandas da xente ou visitar algunas parroquias se logo non se atenden as demandas”, criticaron, lembrando que o PP actuou á présa a pesar de que se sabía desde comezos de decembro que este asunto debía chegar a pleno.
O BNG denuncia que o PP asuma competencias da Xunta mentres deixa fóra demandas veciñais históricas
Luís Pérez valorou positivamente que algunhas das propostas son as mesmas que defende o Bloque, como a a reforma da casa da cultura de Carreira ou a renovación do parque infantil de Corrubedo que continúa na liña do Plan de Parques Infantís impulsada polo BNG e que conseguiu mobilizar 700.000€ a mellora de espazos da rapazada. Porén botou en falta investimentos clave como a extensión do saneamento e da auga potable en Oleiros, Palmeira e Aguiño, ou a pavimentación de vías principais como a Avenida de Ferrol ou a rúa Barreiro. “O PP deixa fóra moitas obras de saneamento ou dotación de auga potable en parroquias que teñen vivendas sen estes servizos ou asfaltados moi necesarios nas estradas de Ribeira que están moi deterioradas por décadas de falta de investimentos por gastar o PP os recursos en obras que dispararon o seu prezo”.
Desde o BNG tamén advertiron de que o Concello de Ribeira está asumindo competencias que corresponden á Xunta de Galiza, como no caso do colexio de Olveira. “Detráense 70.000 euros que poderían destinarse a demandas veciñais porque a Consellaría de Educación non cumpre coas súas obrigas”, lembraron, sinalando que o PP votou en contra no Parlamento galego da emenda do BNG para a renovación do centro.
Para rematar, Perez Barral asegurou que seguirán traballando como fixo sempre o BNG: escoitando á veciñanza, defendendo as parroquias e presentando propostas realistas e en positivo, lembrando que o paso polo goberno municipal deixou un camiño marcado que hoxe mesmo o PP está obrigado a continuar.
O BNG fixo a seguinte proposta:
Artes: nova pavimentación e beiravías para a estrada Outeiro a Gude.
Corrubedo: renovación do parque infantil sito na Casa do Mar e reforma da rúa número 6.
Castiñeiras: pavimentación da estrada dos lugares da Aldea e Poi.
Oleiros: arranxo do paseo do Río Artes e seguir extendendo o saneamento na parroquia.
Olveira: pavimentación da pista de Sirves e garantir a accesibilidade cunhas novas beirarrúas desde a igrexa ata a Casa da Cultura.
Carreira: renovación das beirarrúas do Vilar e saneamento e renovación de servizos de saneamento, abastecemento e pavimentación na zona da Parte ao Río. Tamén unha vella reinvidicación é a reforma e renovación da casa da cultura.
Palmeira: 2ª fase da renovación do saneamento, auga potable e pavimentación da rúa Agriña e 1ª fase do saneamento a Cudieiros.
Aguiño: 2ª fase do abastecemento de auga potable da rúa da Cerca e pavimentación da mesma.
Ribeira: 1ª fase da pavimentacións da Avenida de Ferrol e pavimentación da rúa Barreiro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.