Saturday 16 de November de 2024

A Xunta presenta o borrador da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas á Fegamp


Os directores xerais de Interior e Administración Local mantiveron unha reunión co presidente e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias

A Xunta presentou o borrador do Anteproxecto de Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Durante unha reunión mantida na sede na Fegamp, os directores xerais de Interior, Luis Menor, e o de Administración Local, Alberto Pazos, detallaron o contido do texto ao presidente da Fegamp, Alfredo García, e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás.

A xuntanza enmárcase nunha rolda de reunións que o Goberno galego están levando a cabo para presentar o borrador desta lei os axentes implicados, que poden presentar as súas suxestións para enriquecer o texto. No marco desta reunión os representantes autonómicos constataron que a Fegamp coincide coa Xunta na importancia e necesidade da lei e mostraron a máxima colaboración para traballar en conxunto.

A Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia será a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global desta materia, cubrindo o baleiro normativo autonómico existente na actualidade, ao obxecto de alcanzar un marco normativo adecuado á realidade da sociedade actual, que garanta a protección e a conciliación dos distintos dereitos e intereses que comprenden os espectáculos públicos e as actividades recreativas.