Wednesday 04 de February de 2026

Moita troula e máis de 6.200 euros en premios para celebrar o Entroido na Pobra


· Festa de disfraces, animación na rúa, concurso de disfraces infantil, o gran desfile de carrozas, o Enterro do Filipiño e o Domingo de Piñata completan a programación

A Pobra do Caramiñal prepárase para vivir con intensidade o Entroido 2026 con actividades festivas, animación na rúa, concursos de disfraces, eventos infantís e moito máis.

Tal e como expuxo durante a presentación da programación a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, “o Entroido é unha das celebracións máis importantes na nosa vila, unha festa que une tradición e participación veciñal a partes iguais”. Por iso, detallou, dende a concellería de Cultura impulsouse un programa “aberto, participativo e para todas as idades. Pensado especificamente para que pequenos e maiores desfruten destes días e que as rúas do noso municipio se enchan de risas e diversión”.

A programación ao detalle

A programación arrincará o sábado 14 de febreiro cos Encerellados animando as rúas dende as 12:00 horas. Xa pola tarde, ás 19:30 horas, será a quenda de ‘Lume’, de Troula Animación, que percorrerá as rúas dende o Cantón da Leña ata os Xardíns de Valle-Inclán. A xornada rematará na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 23.00 horas, cunha gran festa de disfraces amenizada pola Disco Móbil Chinhamusic.

O domingo, día 15, terá lugar a gran festa infantil de Entroido, con inchábeis, obradoiros, chocolate con churros e un gran concurso para rapaces/as ata 12 anos que repartirá 800 euros en premios. O primeiro clasificado levará 250 euros, o segundo 200, o terceiro 150, o cuarto 125 e o quinto 75. As persoas premiadas deberán participar no desfile do martes e recoller o seu galardón ao finalizar.

O día grande será o Martes de Entroido, 17 de febreiro, cando se celebrará o tradicional desfile de disfraces e carrozas, coa participación das comparsas ‘Samieira’, ‘Os da caña’, ‘As sonecas’ e ‘Cor Café’. O percorrido comezará na Covecha e rematará na rúa Castelao, no colexio Fernández Varela, onde se levará a cabo o concurso.

Todas as carrozas inscritas recibirán un premio de 200 euros por participar, ata un máximo de sete. No suposto de que o número supere esta cifra, a cantidade prevista repartiríase de maneira proporcional entre elas.

En canto aos premios, na categoría de carrozas repartiranse 1.850 euros: 800 para o primeiro clasificado, 500 para o segundo, 300 para o terceiro e 250 euros para o cuarto. Na categoría de grupos os premios sumarán 1.450 euros, con 500 para o primeiro, 400 para o segundo, 300 para o terceiro e 250 para o cuarto. Para parellas e disfraces individuais destinaranse 775 euros, con premios de 250, 200, 175 e 150 euros.

As inscricións poderán realizarse na casa da cultura Raquel Fernández Soler (981 831 545) ou no correo electrónico culturapobra@gmail.com ata o día do propio desfile antes das 12:00 horas.

O sábado 21 de febreiro será a quenda dos choros no tradicional Enterro do Filipiño, organizado pola veciñanza do Xobre, cunha procesión que sairá dende o campo de Cabío acompañada polo grupo de gaitas Trécola e a charanga Os Encerellados, para rematar coa queima do monicreque no pantalán.

A programación pecharase co Domingo de Piñata, organizado pola veciñanza da Crocha, con música tradicional, unha gran chocolatada e o sorteo de lacóns.

Deja un comentario